O mar de Arousa, protagonista da III edición dos Encontros na Oralidade

O evento terá lugar na tarde do venres, 16 de decembro, e a mañá do sábado, 17 de decembro, e contará coa participación de diversos profesionais
Puente de A Toxa (O Grove). JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Puente de A Toxa (O Grove). JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Por terceiro ano consecutivo as Asociacións Lobisome Producións e a da Memoria Histórica do Grove promoven, co patrocinio da Deputación de Pontevedra, as xornadas Encontros na Oralidade nas que o centro de atención deste ano será o Mar de Arousa visto dende diferentes perspectivas, coa vontade de pór en valor o mar e as xentes que o habitaron. Nos encontros, que terán lugar durante a tarde do 16 de decembro e a mañá do 17 de decembro, participarán diversos especialistas no patrimonio marítimo intanxible, herdado, con contidos de interese social, histórico, económico e cultural.

O título desta edición é "Que ten o mar da Arousa? Meu ben...", tomado dun verso do escritor Manuel Lueiro, do poema “Cantiga do mar de Arousa” inserido no seu libro Escolma ferida no que expresaba interrogantes e daba respostas arredor das preocupacións que motivaban a súa mellor literatura.            

Nesta edición, dende a organización buscan poñer o foco na cultura inmaterial do mar de Arousa, un espazo xeográfico, etnográfico e cultural que tantas veces fica oculto polas potencialidades económicas que tamén lle son propias. Ademais, tamén queren reflexionar sobre a memoria colectiva do mar, aquela que comunidades mariñeiras herdaron xeración tras xeración.

Na xornada do venres 16, o xornalista e historiador Xosé María Fernández Pazos, autor da obra Sálvora. Memoria dun naufraxio, relatará os sucesos acontecidos arredor do naufraxio do barco de pasaxe Santa Isabel, no arquipélago de Sálvora que tanta resonancia tivo na parroquia de San Martiño do Grove. Trátase do maior especialista deste episodio acontecido na Ría de Arousa, no que se mesturan comportamentos de heroicidade coa mesquindade humana. Esta palestra será moderada por Francisco López Franco, Chesqui.

 Na xornada do sábado 17, pola mañá, o historiador Roberto Mera Covas, especialista no período posterior á guerra de 1936, falará sobre o destino que tiveron os refuxiados leais á II República e o emprendemento de accións para o salvamento de miles de refuxiados. No caso do mar do Grove tamén, como os membros da familia Otero Cacabelos e Otero Gómez, tripulantes do Novo Endem que terán o seu futuro en Chile grazas ás accións de salvamento promovidas por Alejandro Viana, protagonista da obra Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos. Palestra que modera o editor Antón Mascato.

E tamén o sábado 17, a seguir á anterior, unha segunda palestra na que se revisarán as causas e as consecuencias do desastre do Prestige, vinte anos despois. O encontro dará comezo coa proxección dun breve documental titulado A Resistencia na Batería de San Vicente onde o Grove centralizou os labores de loita contra a invasión da marea negra, obra de Nano Besada Caneda, que tamén estará presente. Na palestra participarán protagonistas directos daquel tráxico episodio como Francisco Iglesias, Patrón do Pósito do Grove na época; Gabrielle Frein Von Hundelshausen, cidadá alemana que foi unha das voluntarias nos traballos de limpeza e Xesús Domínguez, o grovense que coordinou ao voluntariado nos traballos de retirada do fuel dos nosos areais. A palestra será moderada por Rosa María Fernández Otero, grovense, divulgadora dos valores medioambientais do noso mar, economista e técnica do Cetmar.

Estas xornadas que terán unha segunda parte na parroquia de San Vicente, abordan tres enfoques, tres olladas diferentes e complementarias do mesmo mar: o dos naufraxios, o das fuxidas ao exilio, o dos desastres medioambientais. Tres visións plurais, especializadas e diversas que teñen un fondo en común: o amor que lle temos ao Mar de Arousa, meu ben!