Gastronomía e música para o primeiro día do festival solidario Nos Seus Pés en O Grove

 Durante toda a fin de semana prográmanse actividades culturais e gastronómicas para recadar fondos para a crise de refuxiados ▶ Todos os cartos irán destinados á organización ProemAid, que leva a cabo labores de rescate de personas refuxiadas no mar
Javier Olleros. DS
photo_camera Javier Olleros foi un dos participantes do Tapeo Solidario celebrado este venres. DS

Na xornada deste venres deu comezo en O Grove, un ano máis, o festival solidario Nos Seus Pés. Este 2023 celébrase a quinta edición deste evento que ten lugar desde 2017 tras a Festa do Marisco para extender as celebracións unha fin de semana máis e recadar fondos para a asociación Proem-aid, que axuda ás persoas refuxiadas.

As actividades de Nos Seus Pés comezaron o venres 20 pola tarde e exténdense todo o sábado 21 na Praza do Corgo, e o domingo a celebración trasládase ao Náutico de San Vicente.

Como cada ano, desde a organización se busca concienciar sobre a crise de refuxiados que leva anos producíndose no Mediterráneo a través da cultura e a gastronomía. Así, o venres celébrouse o xa tradicional Tapeo Solidario con algúns dos máis relevantes chefs de Galicia. Os cociñeiros convidados para esta V edición foron: Javier Olleros (Culler de Pau), Javier González (Rexidora), Marta Fernández e Roberto Filgueira (O Balado), Alberto Cruz (Landua), Álvaro Fuentes (Meloxeira Praia) e Marcos Otero (Afuego Tapería).

O tapeo estivo acompañado da música de Tú Chupabas Caramelo DJ e continuou co DJ set Ferver, da man dos artistas Thom Archi, YMK, Tankgirl e Oujapee.

Sábado

O sábado en Nos Seus Pés comeza ao mediodía cunha sesión vermut que terá música en directo a cargo de The Freshkiños e tamén o espectáculo de Michu da Rocha. Pola tarde (17.30), o foco está nos máis cativos, pois haberá actividades para nenos (manualidades, xogos e pintacaras) e un concerto especialmente deseñado para a infancia na sesión Nos Seus Pesiños. A entrada para esta actividade é de 4 euros. Ás 20.30 está programada unha actividade aberta de zumba, cunha entrada de 5 euros.

O prato forte chega pola noite cun total de catro concertos a partires das 22.15 que inclúen as actuacións de Lucía Aldao, Grampoder, Visi e Treinteañeras Cañeras. Lucía Aldao, cantautora de A Coruña, é recoñecida pola súa habilidade para fusionar música e poesía, destacándose como unha das voces máis singulares no panorama musical galego. Ademais dos seus traballos Pava (2021) e Pava2 (2022), Aldao tamén ten publicados tres poemarios e colaborou en varias obras colectivas.

Despois, o dúo compostelano Grampoder, que regresou en 2022 cun novo álbum titulado PM tras oito anos desde o seu traballo anterior, tomará o escenario. Roi Fernández e Martiño Suárez son coñecidos pola súa mestura de estilos que abranguen desde o “rock portátil ata o pop campestre, pasando polo folk psicodélico e un toque de hardcore con flores”.

Máis adiante, os irmáns Visi, de Pontevedra e destacados polo seu talento musical e sons R&B, tomarán o escenario na Praza do Corgo. A xornada pechará coa actuación do trío Treinteañeras Cañeras, de Vigo, quen repiten en Nos Seus Pés despois de ofrecer un concerto de alto decibelio cheo de punk na edición anterior.

Domingo

O domingo, Nos Seus Pés trasládase ata o Naútico de San Vicente, o xa mítico retiro musical e unha das salas de concertos máis especiais de Galicia. Alí organízase unha sesión vermú que se estenderá ata a tarde. Haberá unha paella solidaria e música de Tomás Porteiro e Mürt. O prezo é de 15 euros por persona e as entradas están dispoñibles no seguinte enlace.