O certame Gran de Area 2022 premia a horta e invernadoiro en Culler de Pau

O xurado valorou a súa integridade da actuación en termos de produtividade, deseño e adecuación ao entorno
Horta e invernadoiro en Culler de Pau no Grove. DS
photo_camera Horta e invernadoiro en Culler de Pau. DS

As Delegacións de Vigo, Pontevedra e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia fallan os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2022. Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”. 

Un dos proxectos que resultou gañador foi o da horta e invernadoiro en Culler de Pau, do que destacaron a súa integridade da actuación en termos de produtividade, deseño e adecuación ao entorno. Valórase o xeito multiescalar no cal, invernadoiro, parterres, percorridos e sistemas de xestión da auga se adecúan ao programa solicitado sen distorsionar a paisaxe.

Este ano presentáronse 63 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira ou do metal. As obras están englobadas en máis de dez tipoloxías diferentes. Trátase de obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos a escala de cidade.

O xurado resalta a gran variedade e calidade das propostas, pequenas ou grandes aportacións á arquitectura do sur de Galicia que entende deben ser recoñecidas pola súa exemplaridade do bo facer arquitectónico, pero sen esquecer que son o resultado da colaboración de éxito de todos os axentes de obra,  como son promotores, construtores e profesionais da arquitectura. Valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. 

Despois de horas de intensas liberacións, o xurado seleccionou 16 obras (7 ubicadas na área de Vigo, 6 na área de Pontevedra e 3 na área de Ourense). O acto de entrega de diplomas celebrarase en Pontevedra durante o primeiro trimestre de 2023.