O arroz de marisco e o polbo triunfan nos primeiros días da Festa do Marisco

Las carpas de la Festa do Marisco recibieron gran cantidad de visitantes durante los primeros días. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Na primeira fin de semana despacháronse un total de 2.653 racións de arroz con marisco e 2.577 de polbo á feira

Durante os primeiros días da Festa do Marisco o arroz de marisco e o polbo á feira foron as dúas receitas máis cotizadas nas carpas de degustación. Cun total de 2.563 racións de arroz e 2.577 de polbo, colocáronse á cabeza de demandas, seguidas polas 1.875 de zamburiñas, 1.869 de navallas,1.256 de croquetas de marisco, 1.216 de mexillóns, 1.122 de ameixas e 1.022 racións de mexilóns ao vapor.

O alcalde, José Antonio Cacabelos, fixo unha valoración “moi positiva da primeira fin de semana desta Festa do Marisco, cunha gran afluencia de visitantes desde diferentes partes de Galicia, España e mesmo Europa”.

“Tanto as carpas de degustación como os concertos estiveron ateigados de xente que veu a probar o noso marisco e a escoitar os concertos, coa actuación de Xoel López como momento álxido da fin de semana, enchendo por completo a carpa” engadiu o rexedor.

“Ao longo de toda esta semana imos recibir a visita de varios grupos turísticos concertados, e logo cara a fin de semana agardamos que o tempo siga acompañando para volver a vivir a Festa do Marisco no seu máximo esplendor” concluíu o Alcalde.

A Festa do Marisco e a música local

As bandas locais serán as encargadas de darlle o toque musical á Festa do Marisco ao longo desta semana, agardando a segunda fin de semana do evento.

David Chiquillo xunto a Antonio Casado, A Banda do Sequío e Fla – Meco encherán de boa música a Carpa de Concertos o martes, mércores e xoves, respectivamente. 

O martes, David Chiquillo, acompañado á guitarra por Antonio Casado, interpretarán versións de rock e soul desde as 22:00 horas. O mércores, A Banda do Sequío subirase ao escenario para aportar un toque máis bailable e á súa vez máis tradicional, e o xoves Fla – Meco deleitará aos asistentes coas súas mellores rumbas.

Mais a música na Festa do Marisco non só é de lecer nocturno. O martes pola tarde o grupo Luga actuará na Carpa Cafetería, ás 19:30 horas; o mércores será a quenda para o grupo Mos ás 19:30 horas, tamén na Carpa Cafetería, e as Pandereiteiras Adro Vello, que amenizarán na Carpa Degustación; e o xoves, as pandereiteriras ASXUPEN ofrecerán os seu repertorio na Carpa Degustación a partir das 20 horas.

Segundo apunta o alcalde, José Antonio Cacabelos, “desde o noso equipo de goberno apostamos pola música local, ofrecendo ás bandas un escaparate idóneo para mostrar a súa música ao público, con milleiros de visitantes chegados de diferentes partes da xeografía galega e española”.