Unha oitava quenda do 'Depo Aventura' fará desfrutar a centos de nenos e nenas

Un total de 140 mozos e mozas de 36 concellos distintos da provincia, desfrutarán de diferentes actividades lúdicas e formativas ao longo de seis días nas instalacións que a Deputación ten no Grove
O presidente da Deputación, Luis López, durante a súa visita ao camping da Lanzada. DS
photo_camera O presidente da Deputación, Luis López, durante a súa visita ao camping da Lanzada. DS

Nenos e nenas de 36 concellos da provincia de Pontevedra participarán na oitava quenda dos campamentos da Deputación de Pontevedra. Baixo o nome de Depo Aventura, dende o domingo 13 de agosto ao sábado 19, 140 nenos e nenas desfrutarán de xornadas con múltiples actividades lúdicas e formativas que contribuirán ao seu enriquecemento persoal e a coñecer lugares fóra da súa contorna habitual.

Os participantes, son nacidos entre 2010 e 2015 e proceden de Vigo (25), Pontevedra (19), Cangas (11), Ponteareas (7), O Porriño (5), Meaño (5), Salvaterra (5), Tomiño (4), O Grove (4), Marín (4), Nigrán (4), Redondela (3), Salceda (3), Valga (3), Vilaboa (3), A Cañiza (3), A Estrada (3), Gondomar (3), Lalín (3), Vilagarcía (2), Tui (2), Cambados (2), Meis (2), Poio (2), Baiona (1), Barro (1), Catoira (1), Covelo (1), A Illa (1), A Lama (1), Mos (1), Pontecesures (1), Ribadumia (1), O Rosal (1), Sanxenxo (1), A Guarda (1) e Soutomaior (1).

Co lema A Lanzada, un paseo pola historia, a Deputación de Pontevedra ofrécelles un programa de actividades destinado a favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento da contorna. Ademais, as crianzas realizan excursións a lugares como a Illa de Ons onde aprenderán sobre a natureza e o coidado do medio ambiente.

Nesta edición de Depo Aventura, que se desenvolve ata o 9 de setembro, participarán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia divididos en 11 quendas.