A Deputación aborda a mellora da mobilidade peonil na subida a arcos no Concello de Meis

O Goberno vén de aprobar o expediente para licitar os traballos que se realizarán na EP-9401 Travesía Meis-San Salvador-Enlace coa AG41, que inclúen a habilitación dunha senda peonil de 320 metros para garantir a seguridade das persoas
Presentación de la senda peatonal de la subida a Arcos. DP
photo_camera Presentación de la senda peatonal de la subida a Arcos el pasado mes de marzo. DP

O Goberno da Deputación vén de aprobar o expediente para sacar a licitación as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9401, coñecida en Meis como a subida a Arcos, que inclúen a habilitación dunha senda peonil de 320 metros para garantir a seguridade na totalidade desta vía, tan utilizada pola veciñanza e que vén responder a unha demanda histórica dos e das habitantes da parroquia de San Tomé. O proxecto ten un orzamento de  242.454 euros, que financiará na súa totalidade a institución provincial, xa que a aportación do 20% que lle corresponde ao Concello financiarase co Plan Concellos.  

A estrada obxecto da actuación enlaza con outra provincial, a EP-9403, e tamén coa Autovía do Salnés, polo que rexistra un importante tránsito que facía necesario garantir a seguridade viaria das persoas que camiñan. Os traballos desenvolveranse ao longo de toda a estrada (320 metros) e permitirán executar na marxe esquerda a senda peonil de 2,5 metros de ancho en formigón coloreado, como itinerario peonil cómodo e seguro. Executarase tamén a renovación do pavimento e, dado que o ancho actual da estrada é insuficiente, levarase a cabo o seu ensanche coa execución do paquete de firme completo nas zonas onde sexa necesario. 

A seguranza viaria reforzarase igualmente coa execución de tres pasos de peóns sobreelevados. Por outra banda, renovarase a sinalización horizontal e vertical e tamén se mellorará a drenaxe, canalizacións e arquetas para o soterramento das redes de baixa tensión e telecomunicacións e executarase dunha nova rede subterránea de alumeado público. Unha vez rematadas as obras, o viario terá unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora para garantir a seguridade e convivencia de vehículos e persoas.