O CES esixe solucións ao verquido de augas fecais ao río da Chanca

Imaxe do verquido no río Chanca, no lugar de Abuín, en Meaño. DS
Explican que saen por desbordamente da propia rede de saneamento e producen "olores pestilentes e limos"

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) denunciou este mércores o impacto que sofren os ríos do Salnés, neste caso o da Chanca, no lugar de Abuín, en Meaño, onde se está a producir un verquido de augas fecais. Dende o colectivo explican que estes verquidos prodúcense recorrentemente dende, polo menos, novembro de 2023 ata a actualidade.

Uns fluídos que saen por desbordamento da propia rede de saneamento das augas residuais e pluviais que van cara á depuradora situada no lugar dos Pasales. Nese punto, a tubaxe fai un pequeno desnivel no que os limos quedan depositados na arqueta que alí hai. A auga busca sitio través dun aliviadeiro ou pola propia arqueta, vertendo directamente ao río.

A zona sofre "olores pestilentes e limos" que enturban as augas, engaden dende o CES. "Semella que ten fácil solución, xa que só se necesita unha mellora no mantemento da arqueta coa limpeza periódica de limos depositados". Ante isto, o Colectivo Ecoloxista do Salnés enviou escritos tanto a Augas de Galicia como ao Concello de Meaño para comunicarlle dito impacto, pedirlles información das causas e solicitarlles que tomen cartas no asunto na busca dunha solución duradeira.

Ademais da contaminación que este verquido está a producir no río da Chanca, tamén afecta ao estuario do Bao onde o río desemboca. Trátase dun humedal nun espazo natural protexido a nivel pertencente á Rede Natura 2000 e con varias figuras de protección autonómicas e internacionais.

Para o CES estos episodios contaminantes, "que non se producen por accidentes casuais e puntuais, senon por unha falta de mantemento das infraestructuras públicas, pode e debe ser solucionado o antes posible". O Colectivo non entende "a que agardan a Xunta e o Concello para actuar", sentencian.