Ribadumia xa ten finalistas e data definitiva para celebrar a VI Festa do Deporte

O acto de entrega de premios terá lugar o 21 de outubro no Auditorio Municipal ▶ Os 41 finalistas da presente edición están distribuídos en diferentes disciplinas 

Foto en familia da V Festa do Deporte. CEDIDA
photo_camera Foto en familia da pasada edición da Festa do Deporte de Ribadumia. CEDIDA

O xurado da V Festa do Deporte reuniuse este xoves 5 de outubro no Salón de Plenos do Concello para avaliar e valorar os méritos de todas as candidaturas presentadas, desde o mes de setembro do ano 2022 ata o ano en curso, e escoller os galardoados e galardoadas da presente edición. 

Este grupo de persoas estivo composto por membros do Concello, dos premiados ao Mérito Deportivo das edicións anteriores e dos partidos políticos con representación municipal. A deliberación tivo unha duración de hora e media, xa que o xurado tivo que desempatar dúas candidaturas en dúas ocasións; a primeira, cun dobre empate na categoría de ‘mellor deportista non ribadumiense masculino’ e; a segunda, na de ‘mellor deportista non feminina’. Nesta última categoría rexistrouse de novo un empate, polo que o xurado decidiu que o día da entrega, asistan as 4 finalistas (a gañadora, a segunda con máis puntuación e as candidatas empatadas). 

O Concello de Ribadumia tamén estableceu a data definitiva para levar a cabo a Gala da VI Festa do Deporte, que terá lugar o vindeiro 21 de outubro ás 20,00 horas no Auditorio Municipal de Ribadumia. A este evento asistirá Pepo Suevos como dinamizador e co-presentador. Durante a velada daranse a coñecer os galardoados desta edición, en que o Concello pretende recoñecer ós e ás deportistas e entidades que, co seu traballo e esforzo diarios, promoven os valores do deporte e levan o nome de Ribadumia alí por onde pasan. 

Este ano presentáronse 54 candidaturas, das cales 41 saíron finalistas da VI Festa do Deporte tras a deliberación do xurado. Todos eles están distribuídos en diferentes disciplinas deportivas e os gañadores/as daranse a coñecer ao público durante o acto de entrega de premios, mentres que nos vindeiros días a administración municipal se poñerá en contacto con eles para informalos da súa condición de finalistas.

Ademais, este ano farase unha dobre mención especial, proposta na xornada de onte e aceptada polo xurado, que pretende poñer en valor o labor e dedicación e a resiliencia das persoas que promoven os valores e o deporte no municipio.