Lúa chea en Armenteira no campionato de billarda

Os sanxenxinos de Lúa de Forza fan dobrete en categoría absoluta con Xan e Xián, vencen na feminina con Lu e triunfan por equipos
O podio da xornada, xunto coas autoridades. DS
photo_camera O podio da xornada, xunto coas autoridades. DS

Foi o día de Lúa de Forza. O equipo verde foi o mellor en terreos veciños, na Armenteira, en tódalas clasificacións excepto a categoría feminina por equipos, e deu un paso de xigante para obter dous dos tres títulos individuais ao remate do curso.

A xornada serviulle ao Xan para exhibir músculo e marcar territorio con respecto ao seu principal rival polo título, o inconmensurable Álvaro, que lle mantén o pulso ao de Lúa de Forza despois de alcanzados os tres cuartos da liga.

O líder de Lúa de Forza sumou 19 puntos que lle deron o triunfo e que lle permiten avantaxar en tres ao seu máximo adversario. Malia ficar fóra da final, Rícar obtivo a mellor puntuación da xornada con 22 puntos que lle axudan a poñer terra de por medio co Piru na batalla polo terceiro lugar. O podio da xornada foi completado por Pepe, un dos soldados do inesgotable exército de Corredoiras, e por Xián, que con 21 puntos foi o mellor infantil, sumou a súa puntuación máis elevada ao aire libre, a segunda da xornada e logrou a terceira praza sobre a terra da Armenteira. Os postos de finalista foron completados por Lino, Luis Gon e Lu.

Xa que logo, Lu foi a vencedora na categoría feminina, con 17 puntos que a manteñen no cuarto lugar da táboa, tralos pasos de María Caride. O podio completárono Antía, do Gharaboto, outra das representantes das novas xeracións de palanadores, e a líder, Bego, que con 16 puntos non venceu, pero acumulou unha vantaxe maior ao fronte da táboa diante da súa principal rival, Tania, que non tivo o seu mellor día.

O excelente rendemento do Xián na categoría infantil permitiulle, ademais de subir ao podio, manter o Hugo a raia na pelexa polo título da súa competición. O do Gharaboto realizou tamén unha xornada soberbia, con 18 puntos que lle valeron a vitoria parcial da quenda. Trece puntos separan os dous ‘enfants terribles’ da billarda das Rías Baixas. Antía foi terceira na xornada da categoría e segue como terceira na xeral, praza que ten case sentenciada.

Por equipos, a regularidade do Corredoiras manteno á fronte do pelotón, sen grandes estreituras, co título xa practicamente na súa man. Agora o segundo clasificado é o Lúa de Forza, que sumou 77 puntos para gañar esta tirada e ascender ao segundo lugar da clasificación, cun punto de diferenza co Gharaboto. Aí vai estar a emoción, no segundo lugar desta clasificación.

Os marinenses venceron na categoría por equipos femininos, encadearon a cuarta vitoria consecutiva da temporada e culminaron a remonta na batalla polo liderado co Valpaços Terra Quente. Agora o Gharaboto lidera cos mesmos puntos que as viguesas, que foron segundas.

Lu Torres García: "A billarda é amor total. Ten un gran magnetismo. Non penso en deixala"

Gañadora feminina en Armenteira, clasificada para a Supercopa, réstalle importancia ao triunfo e fai fincapé na importancia da divulgación do deporte. Por iso, lembra a importancia do Lúa de Forza nas redes socias, na conta de Instagram cb_luadeforza.

Como senta o novo triunfo?
Gañar para min é secundario. O importante é ter boas sensacións na xornada, sen ter en conta os resultados. Non obstante, o recoñecemento dun podio sempre é unha marabillosa experiencia.

Non é a súa primeira vitoria…
Seguidas, levo dúas. Estou nun momento de regularidade que nin me recoñezo. Ogallá siga.

En categoría absoluta tamén é moi competente...
Logrei un triunfo nos meus inicios. Non sei se é oficial. Teño algún podio esta temporada e o sábado pasado fun cuarta. Estou orgullosísima porque hai moita competitividade.

Todo o mundo di que o importante é participar, pero ao final...
Eu practiquei deporte toda a vida e diferenzo o que é a competitividade saudable da que non o é. A competitividade é algo inherente ao deporte. Pero cando saímos dos parámetros do que é saudable, é máis difícil xestionala.

Agora que está en racha, recibiu ofertas de outros equipos?
Hai equipos dos que sempre recibes máis agarimo, pero eu son fiel á miña cor verde, á que me incorporei nun momento delicado. Acolléronnos tan ben que seguirei verde ata a médula. Escoito ofertas, pero non acepto.

É moi atrevido dicir que vostede é o olliño dereito do Xan Rodiño?
Sería un orgullo, porque Xan é un referente a nivel deportivo e persoal. Non sei se son, pero sempre que te felicita el é o sumum.

Clasificada para a Supercopa...
Faime tanta ilusión! A ver como vai, porque o factor nervios é algo que me custa xestionar, pero é moi ilusionante. Non contaba con iso. Gañara a xornada anterior e non teño unha gran regularidade. E como esta era a xornada clasificatoria, pensei que sería moi raro repetir, co nivelazo que hai. Pero aliñáronse os astros.

Motiva a tele?
Motiva e motiva sobre todo poder difundir a billarda e que poida ser atractiva na tele.

Vai ser duradeira a súa relación de amor coa billarda?
Non penso en deixala. Gústame e motívame. É algo que me inculcou meu pai. É tan deportivo como emocional. Pensamos seguir. É amor total. A billarda ten un gran magnetismo.