Cambados non para de crecer

O club amarelo conta con 18 equipos e arredor de 300 licenzas que o converten nun dos que ten unha base máis ampla do Norte da provincia ▶ O crecemento paulatino da sección feminina é un dos maiores orgullos do club

O Juventud Cambados é un dos históricos do fútbol galego. Hoxe afianzado en Preferente Galicia na súa categoría sénior, a entidade amarela presume, sobre todo, da boa saúde da súa canteira.

Conta con arredor de 300 rapaces e rapazas distribuídos entre 16 equipos de base e dous sénior (masculino e feminino). Ademais, a maioría dos adestradores están titulados: algúns deles son xogadores da propia entidade que despois de seren formados no club adican agora parte do tempo a formar aos rapaces do futuro.

Son dous conceptos esenciais para a institución, como explica o coordinador das categorías base, Gabriel Sineiro: a formación e o fluxo desde as idades máis novas ata o primeiro equipo. "Formar antes que competir", sostén o técnico. Dentro diso, tense en consideración o aspecto humano, os valores inherentes ao deporte, e ademais a educación deportiva, o enriquecemento das virtudes técnicas e tácticas para que os deportistas poidan ter ferramentas ás que acollerse na competición a longo prazo.

E todo, coa intención de que os futbolistas acaben promocionando e vestindo a elástica sénior. "A idea é que cheguen ao primeiro equipo". Iso cúmprese coa presenza neste curso de homes como Diego Hernández, Gonzalo, Pablo Baúlde, Álex Cores, Fran ou Manu, todos eles canteiráns en diversas épocas que, previo paso por outros equipos ou non, están defendendo as cores do primeiro conxunto actualmente.

Os últimos en chegar son os xuvenís Alberto, Rícar, Joel e Gabi, debutantes esta campaña. Eles son parte do proxecto xuvenil, equipo que se prepara no aspecto competitivo para permitirlle aos rapaces dar o salto.

Ademais, a sección feminina ten un gran valor para o club. A entidade conta con tres equipos e aspira a crear un cadete e seguir medrando. "É unha aposta, unha sección que ten moita marxe de crecemento".