O Arosa non quere sorpresas

O once de Luisito visita o Paiosaco coa intención de afianzarse como terceiro
Arosa-Paiosaco en A Lomba Manu Táboas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA.jpg 2
photo_camera Unha xogada defensiva do Arosa ante o Paiosaco no encontro da primeira volta. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Oito xornadas separan o Arosa dunha nova fase de ascenso en Terceira RFEF. O equipo arlequinado visita este domingo a tarde a Porta Santa, humilde morada do Paiosaco Hierros Diego (17.00 horas).

O cadro preparado por Luisito intentará evitar sorpresas como a que padeceu a semana pasada, na Lomba, perante a Sarriana (0-1). Obviando o resultado obtido contra os lucenses, a escadra vilagarciá atravesa por unha dinámica positiva, con catro triunfos e dúas igualadas nos outros seis partidos máis recentes. O último, o do pasado xoves contra o Betanzos, a domicilio, serviulle para evitar o nacemento de dúbidas tralo esvarón padecido na Lomba.

O bloque de Luisito chega á ocasión afianzado na terceira praza, lonxe dos dous primeiros lugares, que parecen xa adxudicados ao Bergantiños e o Gran Peña Celta C, por esa orde. Aínda debe remar para confirmar o seu lugar no playoff polo ascenso no último cuarto da competición. Só cinco puntos de marxe con respecto ao sexto, sétimo e oitavo clasificados e o Atlético Arteixo e o Alondras pegados á caluga esíxenlle ao equipo vilagarcián un rendemento regular.

Deberá comezar polo envite contra un Paiosaco que está progresando nas últimas xornadas, con dous triunfos nos últimos catro partidos que lle permitiron saír da zona de descenso directo.