Opinión

As festas no Salnés, medidoras da nosa recuperación

A Romaría Vikinga, a Festa do Albariño e agora a Festa da Auga serven de termómetros para medir a recuperación da comarca
Vecinos y vecinas de Cambados durante la celebración de la Fiesta del Albariño del pasado fin de semana. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Vecinos y vecinas de Cambados durante la celebración de la Fiesta del Albariño del pasado fin de semana. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Si existe un lugar especial en toda a provincia de Pontevedra (en toda Galicia, atreveríame a dicir) que pode servir de termómetro onde poder tomar a temperatura da reactivación festiva despois da pandemia da Covid-19, ese espazo é sen dúbida a comarca do Salnés, pola proliferación de eventos multitudinarios en época estival e pola atracción turística e movemento de persoas que isto supón.

Esta fin de semana a Romaría Vikinga e a Festa do Albariño foron dúas pedras de toque fundamentais para determinar a recuperación ou non das Rías Baixas como polo de atracción turístico despois do parón de dous anos obrigado pola Covid-19. Despois da experiencia temos que dicir que, a xulgar polos acontecementos, non cabe a menor dúbida de que se superou con creces a proba… Volvemos estar “on fire” (como se di agora).

Moitos son os sociólogos e mesmo os analistas que vén como este verán vai ser de récord a todos os niveis pese á crise económica, á subida dos combustibles, da enerxía e a inflación galopante. A maioría destes “futurólogos” achacan esta circunstancia a dous factores: Por unha banda, as gañas de vivir da xente que durante dous anos estivo sometida a férreas restricións por mor da pandemia e, pola outra, o feito de que todas as previsións falan de que a partir deste outono caeremos, de novo, nunha nova recesión que vai limitar ao máximo aos nosos movementos e capacidades de ocio pola perda de poder adquisitivo que se prevé a curto e medio prazo (hai quen fala de polo menos outros 5 anos máis).

O certo e verdade é que tanto a Festa do Albariño como a Romaría Vikinga convertéronse en eventos récord que respaldan polo menos a curto prazo esas gañas contidas da xente de disfrutar e mesmo “vivir como galegos” que tanta falta nos facía, incluso desde o punto de vista anímico e mesmo psicolóxico.

A “gran depresión” na que nos sumiu a pandemia da Covid-19, ben sexa pola perda de seres queridos, a presión vivida polo medo ao contaxio ou polos impactos negativos desde o punto de vista económico que supuxo este “bienio negro”, precisaba dunha experiencia colectiva e individual “curativa” a base de recuperar ou mesmo impulsar un xeito de vivir un tanto “expansivo” que nos permitira un pequeno respiro ante tanta “represión” autoimposta polas circunstancias da vida que nos tocou pasar.

Agora chega a Festa da Auga (o San Roque) en Vilagarcía e volverá haber outra proba de fogo para coñecer o nivel e as gañas de diversión da xente, máxime cando este ano chega marcado por unha seca importante que obriga ao Concello da capital arousá a retirar os habituais camións alxibes e motobombas de Protección Civil que protagonizaban ben parte da diversión dos arousáns e de todos aqueles que chegaban de todas partes (do mundo) para vivir unha festa orixinal e diferente a base de auga e bo humor.

Nesta ocasión será o inxenio o encargado de artellar modos de mollar e favorecer a diversión entre os participantes xa que os actuais niveis de seca desaconsellan facer ostentacións de derroche de auga como viña sendo habitual e a esencia da mesma festa. Volverán ser protagonistas os caldeiros de auga desde os balcóns, as “guerras” entre veciños, amigos e particulares para seguir dando honra a aquela celebración que se iniciou casi por casualidade para refrescar aos romeiros que despois de trasladar a San Roque desde Santa Eulalia de Arealonga ata a capela do seu nome pedían aos veciños que lles botaran auga para sofocar os efectos da calor despois da camiñata levando o santo a costas.

Agora, en Vilagarcía, todo o mundo agarda a que os músicos rematen de tocar o pasodobre Triunfo como sinal inequívoco de que San Roque, e o seu can, xa están a bo recaudo na súa capela e xa poden “estourar as hostilidades hídricas” onde ninguén está a salvo nas “zonas húmidas”.

Galicia non se entendería sen as súas tradicións, sen as esperadas festas do verán e sen esas aglomeracións de xente onde dun xeito inconsciente e mesmo innato nos manifestamos como pobo unido vencellado a través da nosa propia idiosincrasia. Así que, pese á ameaza dos incendios, á seca, á crise económica, á Guerra de Ucraína, á suba da luz, o combustible e a infl ación, a perda do noso poder adquisitivo… Queremos auga e temos a obriga de mollarnos por Galicia, ou non?