A Xunta investirá 4,2 millóns de euros en infraestruturas educativas no Salnés

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, abordou este martes diferentes proxectos postos en marcha no Grove, Cambados e Meaño
O encontro tivo lugar na delegación territorial da Xunta. RAFA FARIÑA
photo_camera O encontro tivo lugar na delegación territorial da Xunta. RAFA FARIÑA

Ata os 4,2 millóns de euros é a cifra que acada o investimento que a Consellería de Educación destinará a catro infraestruturas educativas da comarca do Salnés, ubicadas no Grove, Cambados e Meaño, cuxos proxectos abordou este martes o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante unha xuntanza cos directores dos colexios CEIP San Tomé (Cambados), CEIP Plurilingüe de Conmeniño (O Grove), CEIP Rosalía de Castro (O Grove) e CEIP Coirón-Dena (Meaño).

Durante o encontro, no que se analizaron futuras iniciativas en materia educativa, así como as necesidades dos centros, tratáronse as solucións a diferentes deficiencias e necesidades ás que a Xunta dará resposta a medio prazo. No caso do CEIP Rosalía de Castro do Grove, que se beneficiará da meirande contía atendendo ás súas necesidades, actualmente atópase en fase de redacción un proxecto de ampliación segundo o cal se incrementará o número de aulas de Infantil e Primaria, aulas de desdobres, e reorganizarase a zona de despachos e administración.

Así mesmo, crearase un novo edificio no espazo que ocupan as antigas vivendas de mestres para albergar un comedor, ximnasio, aula polivalente e un espazo para as ANPAS, entre outras utilidades, cun investimento que chega ata os 2,6 millóns de euros en total.

Tamén no Grove, atópase en redacción o proxecto de rehabilitación integral do CEIP Conmeniño. Cun investimento estimado de 450.000 euros, a actuación contempla a mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior (cambio de cubertas, consolidación e mellora do illamento térmico das fachadas exteriores, renovación de carpinterías, falsos teitos, luminarias e caldeira de biomasa), mentres que en Cambados, no CEIP San Tomé acometerase unha obra de reorganización e ampliación de espazos, mellora de accesibilidade, renovación de aseos da primeira planta (os de Infantil xa foron renovados) e melloras de eficiencia enerxética (envolvente exterior e interior, falsos teitos e luminarias). O investimento é de 850.000 euros e o proxecto está tamén en redacción.

En Coirón-Dena (Meaño), neste ano 2024 está previsto redactar o proxecto para actuar na cuberta do centro, sustituir os falsos teitos e renovar as luminarias, cun investimento duns 300.000 euros.