Varias cooperativas agrogandeiras e do mar reciben as axudas da Deputación ao sector primario

A partida de axudas, de medio millón de euros, permitirá ás entidades sufragar diversos investimentos. DS
As subvencións chegarán aos concellos de Cambados, O Grove, A Illa, Meaño, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou en rolda de prensa da adxudicación das axudas provinciais ao sector primario, dotadas de medio millón de euros para sufragar investimentos. As achegas están divididas en dúas liñas, unha primeira cun importe de 250.000 euros e que recibirán un total de 10 cooperativas agrogandeiras dos concellos da Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro e Meaño; e unha segunda, tamén dotada de 250.000 euros e que irán parar a 20 colectivos do sector pesqueiro de Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova. Con eses recursos, sinalou Carmela Silva, “poderán ter instrumentos de dixitalización e tamén para modernizar todos aqueles elementos que lles permiten xestionar mellor as actividades que desenvolven”.

As axudas ás cooperativas agrogandeiras permiten financiar a adquisición de terreos para aumentar a base territorial das instalacións e axudas para investir en maquinaria agrícola, obras, construcións, equipos, instalacións, melloras en edificios e os seus accesos. E tamén a adquisición de equipamentos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que prestan estas entidades.

En canto ao reparto das axudas, a Cooperativa Vitivinícola Arousa, en Meaño, recibirá 29.833 € para a mellora dos seus servizos.

As axudas ao sector pesqueiro permiten que os colectivos invistan en construcións, equipos, elementos de transporte e instalacións; e adquiran equipamentos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que lles prestan estas entidades ás persoas socias.

A Confraría de Santo Antonio de Cambados recibirá 16.962,58 € para a adquisición dun frigorífico, unha máquina de ozono para a lonxa e outras. A Confraría de San Martiño do Grove recibirá 30.000 € para a adquisición dunha furgoneta; a Confraría de San Xulián da Illa de Arousa 14.160,80 € para a adquisición de material de vixilancia e outros.

Pola súa parte, a Confraría de San Roque de Portonovo, en Sanxenxo, recibirá 10.271,60 € para a adquisición de caixas reutilizables, pallets, eslingas e puntais. A Confraría da Virxe do Rosario de Vilaxoán, en Vilagarcía, recibirá 8.644,80 € para a instalación de portas e xanelas; por último, a Confraría da Pastoriza de Vilanova recibirá 7.722,05 € para a adquisición de básculas e outros equipamentos.