O Salnés acada un 67,9% de ocupación na ponte de Decembro

A provincia superou en catro puntos os datos de decembro de 2021, cun 74% obtido neste ano
Inauguración de las luces y decoración navideña en Sanxenxo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Inauguración de las luces y decoración navideña en Sanxenxo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Grandes datos de ocupación na provincia de Pontevedra durante a ponte de decembro que volve a revalidar o seu liderado turístico en Galicia. A provincia rexistrou unha ocupación media do 73,7%, o que a sitúa catro puntos porcentuais por enriba da acadada na ponte do pasado 2021, cando a provincia colleitou un 69,7% de ocupación media, segundo se recolle nos datos obtidos polo Observatorio de Turismo Rías Baixas.

A cidade de Vigo, cunha ocupación do 93% e cheo nas fins de semana, e a súa comarca, cun 85%, destacando tamén o dato de Baiona cun 86,6%, lideraron o turismo en Rías Baixas, seguida polo Morrazo cun 79,8% e O Condado e A Paradanta, que tamén salienta cun 74,8%. No resto da provincia, O Salnés acadou un 67,9%, cunha especial mención a Sanxenxo, cun 80,5%, a comarca de Pontevedra tivo un 59,8% de ocupación, coa cidade de Pontevedra por enriba da media cun 60,5%, na de Caldas o dato foi do 59,1%, cun incremento de 12 puntos respecto ao ano anterior, O Baixo Miño acadou un 55,2% e a zona de Deza e Tabeirós-Terra de Montes pechou a ponte cunha ocupación media do 50,6%.

O turismo rural tamén superou os datos do ano pasado en máis dun punto porcentual, acadando un 46,6%. Por comarcas, foi O Morrazo a que acadou unha maior ocupación cun 70,9%, seguida de Vigo cun 57,7% e Pontevedra cun 55,1%. Séguenlle O Baixo Miño cun 48,9%, O Salnés cun 45,7%, O Condado e A Paradanta cun 44,5%, Caldas cun 42,5% e Deza e Tabeirós-Terra de Montes cunha ocupación do 32,4%. En canto ás vivendas turísticas, a media de ocupación da provincia foi do 73%, salientando a ocupación na cidade de Vigo cun 100%, Poio e Sanxenxo cun 80%, Marín cun 70% e a cidade de Pontevedra cun 64%