Profesionais dos centros de saúde celebran o Dia Europeo da Saúde Sexual con varias actividades

Persoal sanitario de Atención de Primaria de Cambados, A Illa, San Roque en Vilagarcía e Ribadumia organizan mesas informativas, charlas nos institutos e outras ponencias divulgativas
Centro de salud Ambulatorio de San Roque en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Centro de saúde de San Roque en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Profesionais sanitarios de distintas categorías dos centros de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés organizaron para estes días un programa de actividades comunitarias co gallo do Día Europeo da Saúde Sexual, unha efeméride que se conmemora este mércores, 14 de febreiro, e que pretende concienciar e sensibilizar sobre a necesidade de adquirir e manter hábitos sexuais saudables.

No distrito do Salnés, persoal dos centros dos saúde de Cambados e de A Illa de Arousa sairán das dependencias do Sergas para celebrar esta xornada cunha carpa informativa na rúa, que estará situada diante do Concello de Cambados durante a quenda de mañá. E no centro de saúde da San Roque, en Vilagarcía de Arousa, haberá unha mesa informativa nas propias instalacións sanitarias.

 O xoves 15 de febreiro, sanitarios de San Roque acudirán ao Colexio Filipenses Sagrada Familia para ofrecer unha charla a dous grupos de alumnado a partir das 12 da mañá.

Xornada de concienciación en Ribadumia

Así mesmo, dende o centro de saúde de Ribadumia promoven o venres 16 de febreiro unha xornada sobre sexualidade responsable, na que se fará fincapé na elevada incidencia das enfermidade de transmisión sexual na actualidade. A actividade comezará ás 18:30 horas no Auditorio Municipal de Ribadumia, e conta coa colaboración dese Concello e de clubes deportivos locais.

O programa constará de dúas partes: unha primeira, sobre o aumento paulatino das ITS (Infeccións de transmisión sexual); unha descrición das máis frecuentes, e a súa prevención; e unha segunda parte, na que se ofrecerán os resultados dun Estudo sobre Cognicións e Hábitos Sexuais nunha cohorte de adolescentes galegos. Nas ponencias participarán o doutor Manuel Varela Salgado, uroandrólogo xa xubilado do Sergas, pero que realiza unha intensa actividade divulgativa; e o doutor Javier Paz Esquete, xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra.