Catro concellos do Salnés recibirán novas illas ecolóxicas para revitalizar o comercio local

O Concello de Meaño xa recibira novos espazos embellecidos no abeiro do proxecto ¡Commerce Inside'. DP
A Deputación instalará en Meaño, Cambados, Sanxenxo e O Grove estos colectores que servirán ademáis como puntos de información e sensibilización sobre o tratamento e reciclado de residuos

Catro concellos da comarca do Salnés contarán ao longo dos próximos días con novas illas ecolóxicas dotadas con colectores de man da Deputación. É unha das accións que se están a levar a cabo ao abeiro dos proxectos Da túa man, dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e Commerce Inside, dirixido a concellos turísticos. Os proxectos, que contan cun orzamento de 1.066.085 e 1.097.350 euros, respectivamente, para toda a provincia, dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do Plan de Recuperación financia o 70%, buscan favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade.

A instalación comezará ao longo de abril nos municipios de Meaño, Cambados, O Grove e Sanxenxo. Segundo as necesidades de cada un dos concellos, cada unha destas prestacións contará con ata 6 colectores grandes ou 4 pequenos, e na maioría dos municipios instalaranse dúas illas ecolóxicas. 

O obxectivo a acadar con esta acción é axudar a agrupar diferentes fraccións de reciclaxe facilitando, deste xeito, a clasificación de residuos urbanos, fomentando a reciclaxe e integrando ecopuntos na contorna comercial. De feito, estas illas servirán coma puntos de información e sensibilización sobre o tratamento e reciclado dos residuos. Ademais, coa súa instalación contribúese a mellorar a estética da zona onde se localizan ao atoparse distribuídas polos eixos comerciais máis importantes de cada concello. Para a súa instalación utilizarase un sistema modular de cerramento con porta do perímetro do recinto onde se sitúan os colectores, que servirá de protección dos mesmos e contribuirá a embelecer e identificar coma ecopunto o lugar elixido para a súa colocación.