Javier Tourís e Marcos Guisasola designados novos deputados provinciais

A decisión foi ratificada este mércores polos edis populares dos concellos que conforman o partido xudicial
Javier Touris e Marcos Guisasola deputados Salnés. DS
photo_camera Javier Touris e Marcos Guisasola deputados Salnés. DS

Os representantes do Partido Popular na Deputación de Pontevedra polo Partido Xudicial de Cambados serán Javier Tourís, tenente de alcalde de Vilanova de Arousa e que xa foi deputado provincial neste mandato, e Marcos Guisasola, terceiro tenente de alcalde de Sanxenxo. 

Así o ratificaron no mediodía deste mércores os edís populares dos concellos que conforman este partido xudicial (Vilagarcía, Meis, Meaño, O Grove, Cambados, Ribadumia, Vilanova, A Illa e Sanxenxo) na xunta electoral de Cambados.

Javier Tourís e Marcos Guisasola incorpóranse así ao Goberno da Deputación de Pontevedra, que estará presidido por Luis López despois de que o PP gañase as eleccións municipais na provincia e a maioría absoluta na institución provincial, cun total de catorce deputados, sendo, de novo, o único partido que ten representación nos sete partidos xudiciais da provincia.

O Partido Popular de Pontevedra está celebrando unha ronda de contactos nos sete partidos xudiciais da provincia para escoitar as opinións de cada un dos representantes locais do partido para, entre todos, elixir por consenso ás catorce persoas que formarán parte do Goberno provincial nos próximos catro anos.

Luis López destaca que estes días pecharase a elección de deputados provinciais en todos os partidos xudiciais, "e o que está seguro é que o PP vai contar cun gran equipo, de xente moi preparada, coñecedora da provincia e con ampla traxectoria para xestionar a Deputación de Pontevedra con estabilidade e sentidiño, para que volva a ser unha institución provincial eficaz para todos os concellos e cidadáns desta provincia", sinala.

De feito, este é un dos eixos do futuro goberno provincial que xa adiantou o presidente Luis López: gobernar para todos os concellos, "para os 61, sen sectarismos, porque todos son igual de importantes e unha cuestión na que a Deputación debe mellorar con respecto aos últimos tempos2.