O documental 'Acordamos' lembrará as loitas do século XX na Illa e en Vilagarcía

A cinta reflexiona sobre a resistencia, a guerrilla e os asuntos políticos nestes dous municipios do Salnés ▶ Uxía, directora artística da peza: “É o momento de reivindicar que a memoria non debe desaparecer do mapa” 

Estrea do documental 'Acordamos'. DS
photo_camera Presentación do documental 'Acordamos'. DS

A Deputación, a través do Departamento de Memoria Histórica, estrou este martes o documental Acordamos, un proxecto que dá resposta a unha das demandas recorrentes dos colectivos memorialistas: sinalizar os lugares de memoria. Nesta ocasión as localizacións da cinta teñen que ver coas loitas de principios do século XX: en Sobredo fálase de avances no agrarismo; en Moaña dos sindicatos mariñeiros; en Lérez, da loita veciñal contra os abusos caciquís; na Illa, da loita política; en Tomiño, da batalla que deu o profesorado por crear un ensino libre; e en Vilagarcía, da resistencia e a guerrilla.

A peza reúne testemuñas de familiares e persoas investigadoras xunto á música de Uxía, Quilma e As Divinas, Malvela, Celina da Piedade e Ana Santos, Wöyza e María Faltri, Antía Muíño e Luis Pastor, Treixadura e Sondarúa. A idea orixinal é do Departamento de Memoria provincial, a dirección artística correu da man de Uxía, Lucas Terceiro está na dirección técnica e realización, Tito Ledesma no son en directo, Conchi Carro na produción e Carmen Conde no guión e condución. 

Os lugares da loita

Uxía indicou xusto antes de proxectar Acordamos que a peza non é só diferente no contido a Acorda, por falar de loita en lugar de represión, senón tamén é diferente musicalmente. O repertorio de cancións do documental ten relación coa historia que se conta en cada lugar e nalgúns casos, como Moaña, foron compostas expresamente para ‘Acordamos’, como a de Wöyza, quen conta no documental a súa historia familiar. Tamén é orixinal e compúxose expresamente para o documental, a banda sonora que acompaña toda a metraxe, interpretada por Uxía.

A Illa de Arousa e o intento de proclamación dunha república independente realizado por un grupo de republicanos reunidos na taberna o Nicho en outubro de 1934 é o episodio escollido para representar a loita política en ‘Acordamos’. O historiador Juan Otero ‘Genito’ é unha das testemuñas e a canción, unha do grupo rock da Illa ‘’Quilma’, que canta xunto a mulleres da coral ás que no proxecto se chama ‘As Divinas’.

O audiovisual pecha no Xiabre como símbolo da resistencia que o pobo galego impuxo ante o golpe. Destacouse que o relato interesado do franquismo quixo etiquetar Galiza como un pobo submiso que recibiu o ditador cos brazos abertos, cando foron moitas as mostras de resistencia. Fala Marcelino Abuín dos moitos loitadores que converteron o monte no seu fogar, e que co tempo as cuadrillas de xente fuxida deu paso á guerrilla. A canción interpretada neste lugar é ‘Inda canto’ de Treixadura, que fala precisamente da estadía dos fuxidos en Lobeira.