Sete entidades do Salnés reciben preto de 16.000 da Deputación para financiar actividades turísticas

Beneficiaranse colectivos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Vilagarcía. Mediante as axudas, entre outras cuestións, sufragarán gastos de asistencia a feiras, realizarán un plan global de desestacionalización do turismo, impulsaran actividades en festas e difundirán o patrimonio marítimo

A Festa da Empanada Mariñeira será un dos eventos financiados. DS
photo_camera A Festa da Empanada Mariñeira será un dos eventos financiados. DS

Sete entidades da comarca do Salnés recibirán preto de 16.000 euros no marco das axudas convocadas pola Deputación de Pontevedra para a realización de actividades turísticas durante o ano 2023. As axudas, que foron aprobadas na última Xunta de Goberno da institución provincial, teñen por obxectivo colaborar na promoción do destino Rías Baixas e estimular a competitividade, a calidade, a accesibilidade e a sostibilidade do sector turístico. 

No caso concreto do Salnés, beneficiáronse entidades de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. Grazas a estas axudas, a Ruta do Viño Rías Baixas recibe financiamento para a súa asistencia á feira Intur de Valladolid, a Asociación de Empresarios Grovenses para un plan global de desestacionalización do turismo da vila, o Club Montañeiros Celtas para a actividade ‘Os cinco sentidos no Grove’, a Asociación Cultural Dorna para o patrimonio marítimo galego, o Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo para o XV Torneo Internacional Cadete Sanxenxo, o Club de Piragüismo de Portonovo para a V Festa da Empanada Mariñeira e Amarcarril para obradoiros e rutas guiadas de marisqueo.

Este ano a institución provincial aprobou destinar axudas a 40 entidades do conxunto da provincia por valor de 100.000 euros, no marco dun novo impulso do goberno provincial para fortalecer o sector turístico da provincia.