A Deputación destina 713.000 euros para a contratación de persoal a catro concellos comarcais

Benefícianse destes recursos os municipios da Illa de Arousa, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa ▶ A axuda cubre ademais gastos correntes
Luis López durante a rolda de prensa na que explicou o acordo. DS
photo_camera Luis López, presidente da Deputación. DS

A Deputación aprobou en Xunta de Goberno destinar 713.000 euros para que catro concellos da comarca de O Salnés contraten a 62 persoas e poidan afrontar gasto corrente ao abeiro da liña 3, de activación do emprego, e 2 do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Illa de Arousa, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.  “Temos concedido xa 4,3 millóns de euros aos concellos baixo o paraugas do +Provincia, o  programa récord de obras e servizos, dotado con 48,2 millóns de euros, para tender pontes cos concellos de menos de 50.000 habitantes e facer que o motor da provincia siga funcionando”, asegurou o presidente provincial Luis López.

No marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou preto dun millón de euros para que os concellos de Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova poidan contratar a 62 persoas desempregadas. Ata o de agora aprobáronse preto de 4,1 millóns de euros para 27 concellos da provincia o que supón o 44,24% do orzamento global da liña de activación de emprego que ascende a 9,25 millóns de euros. 

Deste xeito, Vilagarcía recibirá 284.000 euros para contratar a 35 persoas desempregadas que traballarán como peóns axudantes albaneis (14), peóns pintores (5), peóns traballadores de conservación de parques (4), peóns instaladores electricistas (4), peóns forestais (4), peóns mantedores de instalacións deportivas (2), peón condutor operador de retroescavadora (1) e peón fontaneiro (1).

Pola súa banda, Sanxenxo destinará 245.000 euros para que 21 persoas traballen como como auxiliar administrativo (7) e peóns de obras públicas (14); e Vilanova 87.000 euros para 6 persoas como guías de turismo (2), albanel (1), mantedor de edificios (1), tractorista (1) e limpador (1).

No caso da liña 2, de gasto corrente, o presidente da Deputación informou que a Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar as primeiras achegas das que A Illa recibirá 97.000 euros para o servizo de recollida de lixo, xestión do punto limpo e limpeza da Escola Infantil e do Colexio A Torre.