O ciclo de teatro da Deputación chega este domingo a Ribadumia e O Grove

“As que limpan” representarase no Auditorio de Ribadumia ás 19.00 horas e “Bernarda” no Auditorio da Grove a partir das 19:30 horas. Ambas funcións teñen entrada libre ata completar o aforo
Representación de 'As que limpan'. DS
photo_camera Representación de 'As que limpan'. DS

O ciclo da Deputación Tornar ás táboas, co que a institución provincial está a espallar o teatro por toda a provincia nestes últimos meses do ano, chega este domingo 26 de novembro a Ribadumia e O Grove. As que limpan, a cargo da compañía A Panadaría, dará comezo ás 19:00 horas no Auditorio de Ribadumia e Bernarda, da man de Malasombra, representarase ás 19.30 horas no Auditorio do Grove. Ambas funcións teñen entrada libre ata completar o aforo. 

En forma de sátira utópica, As que limpan está inspirada nas loitas organizadas polas camareiras de piso dos hoteis por conseguir dereitos sociais e laborais xustos. A obra da compañía A Panadaría goza de sete premios dende que se estreou en febreiro de 2022, entre os cales se atopa o María Casares ao mellor espectáculo en 2023.

Bernarda, ambientada nun pobo galego en 1975, aborda a vida dunha familia que vive un estrito loito de dous anos imposto por Bernarda tralo falecemento do seu marido no mesmo día da morte de Franco. A obra amosa o contraste de dúas realidades, mentres que no fogar familiar a vida da nai e das súas fillas desenvólvese en reclusión, a sociedade no exterior sofre fortes cambios.