Os centros de saúde de Vilanova e Cambados asinan unha proxección da atención primaria

Os plans de saúde locais dotan de maior capacidade de autoxestión aos centros de Atención Primaria na Área Sanitaria, impulsan a figura dos xefes e coordinadores dos servizos e xestionan a nivel local os recursos humanos
Imaxe do acto de sinatura dos Plans locais de saúde 2023-2026. DS
photo_camera Imaxe do acto de sinatura dos Plans locais de saúde 2023-2026. DS

No acto de sinatura autonómica dos Plans locais de saúde 2023-2026 do Servizo Galego de Saúde celebrado onte en Santiago de Compostela, un total de sete corresponderon a servizos de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Concretamente os de Valga, Bueu, Lérez, A Parda e Virxe Peregrina en Pontevedra, Cambados e Vilanova de Arousa, que fortalecen deste xeito a súa proxección asistencial de Atención Primaria

Cómpre sinalar que os plans de saúde locais son ferramentas de planificación estratéxica a nivel local que permiten fixar obxectivos e accións de mellora específicos para cada centro de saúde, segundo as necesidades da súa poboación, centrando a atención nas persoas. 

Deseño realizado polos propios profesionais

Os plans locais de saúde contan cun deseño realizado de xeito multidisciplinar polos propios profesionais destes sete centros de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, máximos coñecedores das características das súas respectivas poboacións. Eles son os que definen as accións a desenvolver para lograr os obxectivos estratéxicos marcados desde a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

Ditas follas de ruta estratéxica e de xestión -que inclúen o deseño de programas específicos de saúde e control de patoloxías específicos en cada centro, segundo a prevalencia das mesmas- permiten a transformación da Atención Primaria no que atinxe á mellora da saúde da poboación e da eficiencia dos servizos, así como da satisfacción dos profesionais e do incremento da calidade e experiencia dos pacientes dos distritos sanitarios de Pontevedra e O Salnés.