A Asociación de Veciños de Faxilde participará no programa 'En Ruta coa Depo'

Ademais, Cambados e O Grove serán a parada de dúas excursións de grupos chegados desde A Estrada e Salceda de Caselas
Combarro será unha das paradas da Asociación de Faxilde. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Combarro será unha das paradas da Asociación de Faxilde. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Deputación de Pontevedra organiza os próximos días un total de doce novas saídas no marco do programa provincial En Ruta coa Depo. Entidades dos concellos de Moraña, Cangas, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Pontevedra, Mos, Salceda de Caselas, Catoira, A Estrada e Bueu mobilizarán un total de 648 persoas (54 por entidade) para coñecer diversos enclaves da provincia, nunha xornada onde se ofrece a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial.

A entidade que representará a O Salnés será a Asociación de Veciños de Faxilde en Vilagarcía que, xunto á Asociación de Veciños Nosa Terra de Alcabre de Vigo, desfrutarán dunha ruta por Poio onde visitarán a illa de Tambo ou Combarro, entre outros lugares. A actividade será este martes 15 de agosto.

Por outra banda, a comarca tamén recibirá a visita de algúns grupos. O primeiro concello en recibir unha destas visitas será O Grove coa chegada, este martes, do Centro Cultural e Veciñal San Xorxe de Salceda de Caselas ao Museo da Salazón do municipio. O venres 18 será o turno de Cambados, que acollerá aos membros da Asociación Rural de Amas de Casa de Arnois da Estrada.