Adolescentes de Cambados e Vilanova achéganse á realidade colombiana da man de dúas activistas

Visitarán o luns 8 de abril o IES Ramón Cabanillas e o martes 9 o IES A Basella
O IES Ramón Cabanillas de Cambados. DS
photo_camera O IES Ramón Cabanillas de Cambados. DS

Os máis de catrocentos estudantes de secundaria que este ano forman parte do proxecto educativo Activistas polo O Mundo Que Queremos recibirán durante os próximos días a visita de dúas activistas colombianas que loitan por mellorar as condicións de vida das poboacións afectadas polo conflito armado que entre 1985 e 2018 provocou a morte de máis de 450.000 persoas no seu país.

Este luns 8 de abril pola tarde as activistas achegaránse ao IES Ramón Cabanillas de Cambados e o martes será a quenda do alumnado do IES A Basella de Vilanova de Arousa. O obxectivo deste encontro entre as activistas e o alumnado é que as mozas e os mozos coñezan a loita e o traballo destas mulleres de primeira man, se inspiren na súa forma de intervir na súa realidade a través do activismo, e tamén  reflexionen sobre as desigualdades norte-sur

As activistas que durante estas semanas percorren a xeografía galega son Yorya Gaviria e Sara Graciano, da Fundación Forjando futuros, que traballa en Colombia dende fai máis de vinte anos na restitución das terras desposuídas ou abandonadas con motivo do conflito armado e na defensa e promoción dos dereitos humanos e o fortalecemento de comunidades vulnerables.

Sara Graciano é psicóloga, e ten experiencia traballando en Laboratorios Xuvenís e, en xeral, con xuventude colombiana de entornos vulnerables en cuestións como a participación democrática, os dereitos humanos e a paz, a memoria histórica, a saúde mental e a apropiación do territorio.

Yorya Gaviria pola súa parte, ten experiencia e formación en ciberactivismo, teatro, performance e antirracismo. O seu traballo e activismo céntranse na sensibilización ao redor das violencias de xénero e a defensa dos dereitos humanos para a poboación LGBTIQA+

As ONGD galegas traballan man a man con organización colombianas para poder contribuír a xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere e se organice na procura do seu propio desenvolvemento para equilibrar os niveis de desigualdade estrutural que se dan neste momento.

Esta é a sesión final dunha metodoloxía pedagóxica que o alumnado desenvolve dende comezos de curso. Un itinerario co que puideron coñecer o que significa ser unha persoa activista,  reflexionaron sobre o papel dos medios de comunicación e as redes sociais e utilizaron a radio para o seu activismo creando os seus propios podcast radiofónicos.