19 entidades deportivas do Salnés estrean equipamento deportivo grazas ás axudas da Xunta

Un total de sete clubs de Cambados, oito de Vilagarcía, un de Vilanova, un de A Illa e dous de Catoira recibiron preto de 103.000 euros en material
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, durante o acto de entrega de material ás 19 entidades do Salnés. DS
photo_camera O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, durante o acto de entrega de material ás 19 entidades deportivas do Salnés. DS

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, fixo este luns entrega do material deportivo ás 19 entidades deportivas de concellos do Salnés como Cambados, Vilagarcía, Vilanova, A Illa e Catoira. O investimento nestes clubs foi de un total de 102.782,66 euros, todos eles a través da segunda convocatoria da orde de axudas para a adquisición de equipamentos deportivos. Entre as dúas ordes para equipamento deportivo executadas ao longo de 2022, a Xunta acadou un investimento histórico de 4,6M€ para garantir o funcionamento de máis de 800 entidades deportivas grazas ao material deportivo entregado.

Os clubs do Salnés beneficiados foron o Club Cambados Tenis de Mesa, Club de Tenis Cambados, Club Judo Senín, Club Juventud de Fútbol Cambados, Club Piragüismo Cambados, Club Xuventude de Baloncesto Cambados, Innae Tawkwondo Cambados, Club de Piragüismo As Torres de Catoira, Kennel Deportes en Espazos Naturais de Catoria, Asociación Deportiva Arousa Fútbol 7, Asociación Club de Balonmán Arousa, Club Agrupación Atlética Mazi de Vilagarcía, Club Deportivo Salvamento Vilagarcía, Club Olimpic Vilagarcía, Club Piragüismo Vilagarcía, Club Xadrez Fontecarmoa, Motoclub VFM, Asociación Cultural Deportiva Vilanova e Club Piragüismo Illa de Arousa.

Lete Lasa puxo en valor que a Xunta apoia o tecido deportivo do Salnés coa entrega de equipamento destes clubs e sociedades. Inclúese tanto material específico para levar a cabo cada disciplina -xavelinas, embarcacións, canastras, portarías, palas...-; ademais doutro material básico como furgonetas ou material de ximnasio; e material sanitario. O secretario xeral para o Deporte lembrou que o Goberno galego leva investidos desde 2009 un total de 10,3M€ a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias máis de 1.700 entidades. Neste sentido, o mandatario galego lembrou que o pasado xoves o Consello da Xunta aprobaba a primeira orde específica de axudas para a adquisición de equipamentos para deporte adaptado a clubs deportivos galegos que conten con licencias de deportistas con discapacidade na tempada 2022-2023 que terá un orzamento de 227.000 euros. 

Neste 2023, o orzamento da Secretaría Xeral par ao Deporte acada os 44 millóns de euros, o que supón unha cifra récord. Unha parte importante destinarase á creación ou mellora de infraestruturas deportivas cunha dotación de 18 milóns de euros. Tamén se manterá o apoio ao tecido deportivo cunha achega de 7 millóns de euros. Desta contía, 2 millóns de euros corresponden á orde de axudas ao funcionamento de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo que xa está publicada, mentres que os 5 millóns de euros restantes aos convenios para colaborar con 59 federacións deportivas da comunidade.