A Xunta enxalza a labor do Igafa como referencia na formación de profesionais

A xornada de portas abertas contou con mesas de debate. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Susana Rodríguez sinalou que as accións formativas con parte imprescindible para impulsar a remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro ▶ Na xornada de hoxe presentouse tamén a nova páxina web do centro da Illa de Arousa, que este ano cumpre tres décadas de historia

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, defendeu as accións formativas como parte imprescindible para impulsar a remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro. Así o destacou hoxe na xornada de portas abertas celebrada no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) con motivo do Día da Acuicultura.

O centro da Illa de Arousa é o único da comunidade que imparte ciclos de formación profesional de acuicultura e mergullo e conta tamén coa distinción de Centro de Referencia Nacional (CRN) desde o 2019. Un recoñecemento que, tal e como apuntou Susana Rodríguez, responde ao traballo á vangarda dos profesionais do Igafa e que debe servir de aliciente para seguir ofrecendo ás persoas tituladas a mellor preparación posible.  

Neste sentido, Susana Rodríguez sinalou a aposta da Xunta pola formación marítimo-pesqueira, un compromiso que se reflicte no orzamento da Consellería do Mar para 2023 no eido formativo cunha suba de preto do 4,5%, ata roldar os 10 millóns de euros. 

A xornada de portas abertas de hoxe do Igafa inclúe diferentes actividades como mesas de debate sobre titulacións en acuicultura coa participación de docentes de diferentes partes de España e sobre o modelo formativo de mergullo profesional en España con representantes da Administración e centros de formación. Ademais, aproveitouse o encontro para presentar a nova páxina web do centro.

O centro dependente da Consellería do Mar tamén contribúe á recuperación de animais -como lobos mariños ou tartarugas- que son achados feridos no litoral de Galicia e que precisan de atención previa á súa devolución ao medio natural. Este labor desenvólvese en colaboración coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e o tratamento dos animais serve de aprendizaxe para os alumnos do Igafa.