A reforma da Praza do Regueiro encara a última fase de execución coa nova vexetación

O goberno local confía en que os traballos estén rematados no primeiro trimestre do 2023 se cesa o mal tempo

A remodelación da Praza do Regueiro comezou esta semana coa prantación de árbores ornamentais. CEDIDA
photo_camera A remodelación da Praza do Regueiro comezou esta semana coa prantación de árbores ornamentais. CEDIDA

 A empresa adxudicataria do proxecto de remodelación da Praza do Regueiro comezou esta semana coa prantación de árbores ornamentais neste ámbito que avanzan o comezo da última fase de execución dos traballos que, en parte polo mal tempo das últimas semanas, sufren certa ralentización. 

A reurbanización integral da praza entra por tanto na recta final e o goberno local sitúa no primeiro trimestre do 2023 a data de finalización para convertila nun espazo de uso plural e accesible no que a prioridade será a seguridade dos peóns e a autonomía infantil.

De feito, na praza instalaronse xa algúns dos elementos de xogo incluidos nun proxecto que contempla un parque con diversas áreas, unha infantil para a poboación máis nova e outra con aparatos de exercicio para as persoas de máis idade. No mesmo ámbito acondicionarase unha pista polideportiva pensada para a mocidade xa que a idea desta reestructuración é crear un espazo de encontro interxeracional. Por elo, a mesma praza acolle tamén unha zona de uso cultural con cabida para as Festas do Carme.

A eliminación das barreiras arquitectónicas, os pasos peonís sobreelevados e reductores de velocidade fan confiar ao goberno local que a renovada Praza do Regueiro converterase nun revulsivo para o comercio de proximidade e a dinamización de todo o ámbito, xa que ese é precisamente o obxectivo desta actuación urbanística acometida a través do programa ReacPon da Deputación de Pontevedra, cun investimento de 1,5 millóns de euros.