O Goberno local responsabiliza a Portos das consecuencias dun posible desplome no Cantiño

A fenda no Paseo deixa ao descuberto o deterioro da cimentación e os efectos da erosión

Fenda A Illa
photo_camera Unha das fendas no paseo do Cantiño. DS

A ampla fenda no paseo do Cantiño alarma ao goberno local que urxe a Portos a inmediata reparación do Paseo do Cantiño xa que o seu actual estado supón un grave risco para a seguridade dos usuarios deste entorno, empregado diariamente por decenas de personas.  

Tras anunciar Portos de Galicia unha actuación neste espazo o pasado mes de decembro, o goberno local comprobou onte como o paseo presenta visibles e amplas fendas a través das que se pode comprobar que parte do paseo está no aire, ao levarse a erosión do mar a cimentación da estrutura. O goberno local deriva a Portos de Galicia toda responsabilidade procedent"e dunha evidente deixadez nas súas competencias de mantemento desta infraestrutura", sinalan dende o Concello.

O goberno local leva anos reclamando un investimento importante no Paseo do Cantiño para solventar os serios problemas estruturais que presenta. “A erosión do mar pode derivar nun afundimento en determinadas zonas desta infraestrutura; situación que require unha concienzuda supervisión técnica que determine as medidas a adoptar para previr incidentes que poñan en risco a integridade das persoas que transitan por este entorno”, apunta Carlos Iglesias, alcalde de A Illa.

Suxire a Portos de Galicia o precinto do paseo en caso de non ter previsto actuar e lamenta que o ente autonómico se permita tomarlle o pelo á veciñanza da Illa anunciando nos medios unha actuación que remataría en xaneiro “cando apenas mandaron un par de operarios a pasar o día; non repararon absolutamente nada e tampouco fixeron tarefas de limpeza”.

Afirman que as herbas seguen acumuladas no Cantiño, xunto a silveiras e ata maleza nalgúns rincóns. Esta situación de abandono levou á veciñanza a sair á rúa antes do verán para recordarlle a Portos as súas obrigas sen obter resposta algunha. “Parece que están esperando que se desplome o paseo para actuar. Cando se trata de reparar non teñen presa ningunha pero para cobrar as taxas son ben puntuais”, apuntan desde o goberno local.

O alcalde de A Illa recorda que as persoas usuarias deste paseo, moi concurrido tanto no verán para a celebración de eventos organizados por entidades do municipio como por numerosos cidadáns co saudable hábito de pasear á beira do mar, “están cansas de reclamar unhas condicións mínimas de hixiene e unha mínima calidade de conservación do enlousado do paseo”.