O PP da Illa incorpora a Miguel Paz, Rubén Rial e Tamara Nieto á candidatura liderada por Matías Cañón

Cañón asegura que se trata dun equipo "novo, preparado, con ganas e moita ilusión" que ofrece á veciñanza "un proxecto de futuro para o noso concello"

Membros do PP provincial e da Illa. DS
photo_camera Membros do PP provincial e da Illa. DS

O Partido Popular da Illa vén de avanzar algúns nomes de persoas que se van incorporar á candidatura que lidera Matías Cañón para as eleccións do 28 de maio, da que formarán parte o concelleiro Miguel Paz e se suman os mozos Rubén Rial e Tamara Nieto. Así llo trasladou o candidato ao presidente provincial, Luis López, e á secretaria xeral, Luisa Piñeiro, nunha reunión de traballo que mantiveron no concello arousán. 

Cañón destacou que “imos concorrer ás eleccións municipais cun equipo novo, preparado, con ganas e moita ilusión. Ofreceremos aos veciños un proxecto de futuro para o noso concello, que atenda ás necesidades e prioridades que levan tanto tempo esquecidas polo Goberno socialista. A Illa necesita un cambio, e os veciños terán a oportunidade de elixir se queren avanzar ou seguir estancados”.  

Pola súa banda, o presidente Luis López sinala que “Matías e o seu equipo reúnen todas as cualidades dun gran equipo. Son persoas próximas, que teñen gran capacidade de traballo, comprometidas co seu concello e que non se conforman con ver como A Illa está perdendo o tren das oportunidades, dos investimentos e dos servizos de calidade”. Ademais, puxo en valor que “os gobernos do PP abandeiran a política responsable, serena e rigorosa que hoxe é máis necesaria que nunca. Na Illa hai unha maioría real, palpable e clamorosa que espera pola alternativa, e o PP representa esa maioría e esa alternativa”, manifestou.