Portos afirma que os técnicos están a revisar o paseo do Cantiño para a súa mellora

A entidade responde ás acusacións do Concello sobre a responsabilidade do mal estado do espazo, que conta con varias fendas 
Fendas O Cantiño A Illa. DS
photo_camera Unha das fendas do paseo. DS

A resposta de Portos de Galicia ante as acusacións de responsabilidade do Goberno local da Illa de Arousa con respecto ao estado do paseo do Cantiño non se fixeron esperar. 

Dende Portos aseguran que técnicos están a analizar exhaustivamente o estado do espazo e a avaliar as actuacións que é necesario levar a cabo para a súa reparación, uns traballos que acometerán coa maior celeridade posible. Ao mesmo tempo, afirman, adoptáronse xa medidas preventivas como a restrición do acceso á zona afectada co obxectivo de garantir a seguridade e evitar potenciais riscos para os usuarios desta infraestrutura.

Neste sentido, o ente público veu realizando nos últimos anos distintas actuacións de mantemento e conservación do paseo do Cantiño co obxectivo de mellorar o seu estado e corrixir distintas deficiencias que foron aparecendo como as rexistradas nos últimos días.

Concretamente, entre 2020 e 2022 realizáronse ata oito intervencións na zona por importe de arredor de 40.000 euros, unhas actuacións das que, segundo sinalan, é coñecedor o Concello da Illa de Arousa.

Por iso, estanse a avaliar de xeito detallado as deficiencias existentes na zona e adoptaranse as medidas que se consideren oportunas co obxectivo de palialas coa maior celeridade posible.