Os paneis solares reducen nun 70% o consumo enerxético do auditorio e do Concello da Illa

A factura da luz correspondente ao mes de novembro baixou a 79 euros fronte aos 400 do mesmo periodo de 2021
Paneis solares situados no tellado do Auditorio. CEDIDA
photo_camera Paneis solares situados no tellado do Auditorio. CEDIDA

Case un ano despois da instalación dos paneis solares no auditorio municipal as cifras de consumos confirman un aforro enerxético lixeiramente superior ás previsións iniciais, situándose nun 70%. Os datos do pasado mes de novembro sitúan os consumos do Concello en 1.500W fronte aos 5.500W do mesmo mes do ano 2021; no auditorio o consumo pasou a 1.000W fronte aos 3.000W e de 500W a 150W nas salas.

O aforro nos consumos é menos visible na factura enerxética debido ao forte incremento rexistrado da tarifa da luz excepto na que corresponde ao Consistorio que pasou dos 400 euros de 2021 a 79 euros abonados o mes pasado. “Nas instalacións do Auditorio o aforro na factura non é tan cuantioso debido ao incremento que a enerxía eléctrica foi rexistrando ao longo do ano”, apunta o concelleiro de Servizos, Luis Arosa, que ademais apunta que o Auditorio municipal foi retomando ao longo de 2022 a actividade cultural habitual, que decaera nos exercicios anterior a causa da pandemia e das restrictivas medidas sanitarias que imperaban.

Cabe recordar que o Concello da Illa instalara os paneis solares cunha subvención de 120.000 euros concedidos polo Goberno central o ano pasado; unhas estructuras que permiten xerar enerxía suficiente tanto para alimentar ao Auditorio como para a Casa do Concello.

O Goberno local pretende avanzar no aforro enerxético ao longo do ano 2023 polo que tramitou ante o Instituto por la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDEA), dependente do Ministerio de Transición Ecológica, unha subvención de 953.925,20 euros para a renovación integral do alumeado público en todo o termo municipal, sustituindo as actuais luminarias por outras led de baixo consumo, o que suporía un aforro previsible en consumo do 70%.