A comunidade enerxética da Illa de Arousa bota a andar cunha ruta o 9 de marzo

A andaina pasará por unha nave municipal en Testos que, ademais de albergar o local da asociación, ten nas súas cubertas paneis fotovoltaicos comunitarios
A nave en Testos, que conta con placas fotovoltaicas. DS
photo_camera A nave en Testos, que conta con placas fotovoltaicas. DS

A comunidade enerxética da Illa de Arousa xa é unha realidade co avance do seu proxecto Mar&Luz.1 e, para celebralo, pon en marcha unha Ruta enerxética que terá lugar o vindeiro sábado, 9 de marzo, nunha xornada participativa e aberta que comezará ás 18.00 horas, e coa que a entidade pretende darse a coñecer.

A ruta levará aos participantes por diferentes lugares significativos do proxecto. O punto de partida será a Praza do Concello, porque ao seu carón está o Dobre Cargador para Coches Eléctricos, primeiro no municipio e propiedade de Arousa en Transición. Despois de explicar como está conectado ás placas solares e o seu funcionamento, a andaina arrancará ata unha nave municipal en Testos, que ademais de albergar o local da asociación, ten nas súas cubertas os paneis fotovoltaicos comunitarios. "Este lugar será idóneo para facer un pouco de pedagoxía enerxética", segundo explicaron dende a organización, e tratar cuestións clave coma o autoconsumo colectivo, o modelo de compensación de excedentes, o sistema intelixente da xestión da demanda, ou o concepto de prosumidor. A xornada rematará cun pequeno ágape e brinde.