Máis de trinta dornas volverán a render homenaxe a Parada no Triángulo do Cantiño da Illa de Arousa

A regata está enmarcada na terceira das probas puntuables da II Copa Mörling de Dornas a Vela
regata
photo_camera regata

A regata do Triángulo do Cantiño, a terceira das probas incluídas no calendario da II Copa Mörling de Dornas a Vela, celébrase este sábado 15 de xullo a partir das 16.30 horas na Illa de Arousa. Estas probas estanse a celebrar por distintas vilas das Rías Baixas.

A regata da Arousa, ao igual que o ano pasado, será unha homenaxe a José Manuel García Parada, un dos fundadores da Escola de Navegación Tradicional Dorna da Illa (ENT). A regata está previsto que saia da Punta do Campelo e se navegue cara o Seixo, unha situación perfecta para ser seguida desde terra por todos os afeccionados que se acheguen até a Illa o sábado. O alcalde da Illa, Luis Arosa, falou da colaboración do Concello na parte loxística deste evento e do orgullo que supón que esta regata se siga celebrando.

Pola súa banda, Elena Otero, concelleira de Mar, falou da importancia de “seguir mantendo a tradición” desta navegación e a necesidade de recuperar o apoio para a construción dun pantalán para embarcacións tradicionais na Illa. A este respecto, tamén falou Manuel Suárez, tenente de alcalde, quen explicou que se trata dunha “actividade sen ánimo de lucro que se mantén a frote co traballo altruísta de moita xente”.

O director da asociación Dorna puntualiza que a recuperación das embarcacións tradicionais axuda a xerar emprego e tamén é un incentivo para o turismo. Suárez aclara que se esta navegación é un modelo “respectuoso co medio ambiente e con forte arraigo patrimonial” que, máis aló do ámbito deportivo, vela pola conservación deste tipo de embarcacións.

O Triángulo do Cantiño é unha competición que se realizaba alá polos anos noventa na Illa, pero que deixou de facerse durante máis dunha década. O ano pasado, a asociación cultural deportiva Dorna da Illa de Arousa decidiu recuperala para homenaxear a Parada e incluíla no circuíto de regatas da Copa Mörling.

Entre as máis de trinta dornas que se agarda participen este sábado na regata do Cantiño, poderemos ver a ‘Orixes’, unha embarcación que nesta ocasión estará tripulada por Lorenzo Mörling, fillo do antropólogo sueco ao que esta Copa de Dornas a Vela rende homenaxe. Lorenzo Mörling navegará acompañado por Thomas Bjur, un amigo chegado de Suecia. O fillo de Staffan Mörling, que vai participar tamén na Regata dos Faros que terá lugar no Grove o sábado 22 de xullo, móstrase moi emocionado e orgulloso por poder participar nesta competición “que honra o traballo e a figura do meu pai”.