O Corno terá a súa estrea mundial no Festival de Toronto

A película de Jaione Camborda, ambientada nunha mariscadora da Illa de Arousa dos anos 70, competirá na sección Platform, que acolle as propostas internacionais máis audaces
Jaione Camborda na rodaxe de O CORNO. DS
photo_camera Jaione Camborda na rodaxe de O CORNO. Foto de Mario Llorca. DS

O Corno, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, competirá na sección Platform do Festival Internacional de Cinema de Toronto (TIFF), onde terá lugar a súa estrea internacional. O certame celebrarase entre o 7 e o 17 de setembro.

A sección Platform, dedicada aos proxectos máis valentes e innovadores, está composta de estreas mundiais que compiten polo Platform Award. Entre os títulos que se teñen estreado outros anos nesta sección competitiva están Jackie, de Pablo Larraín, Moonlight, de Barry Jenkins, ou Lady Macbeth, de William Oldroyd, e formaron parte do xurado cineastas como Claire Denis, Béla Tarr, Brian de Palma ou Riz Ahmed. Precisamente Barry Jenkins será este ano o presidente do xurado desta sección, onde xa tivera a estrea mundial da súa longametraxe Moonlight, coa que gañou en 2017 o Oscar á Mellor Película.

Protagonizado pola bailarina e coreógrafa Janet Novás, o filme terá a súa estrea europea a finais de setembro no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, onde competirá na Sección Oficial. A estrea en salas de cine chegará o 11 de outubro, da man de Elastica Films. A película, unha road movie rural ambientada na Galicia dos anos 70, está rodada en galego e portugués en diferentes localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal), e conta no seu reparto con Janet Novás, Carla Rivas, Siobhan Fernandes, Nuria Lestegás, Julia Gómez e Diego Anido, entre outros.

Sinopse
Illa de Arousa, 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.