Os ciclos de teatro e cinema da Deputación chegan este venres á Illa e O Grove

O auditorio municipal da Illa de Arousa acolle ás 20.30 horas a representación de As alumnas ▶ o Ciclo Mestre Mateo chega ata a Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove coa proxección, a partir das 20.00 horas, de Unicorn Wars
Representación de 'As alumnas'. DS
photo_camera Representación de 'As alumnas'. DS

Os ciclos de teatro e cinema da Deputación de Pontevedra chegan este venres 24 de novembro á Illa de Arousa e O Grove. O auditorio municipal da Illa de Arousa acolle ás 20.30 horas a función As alumnas, a cargo da produtora Culturactiva, no marco do ciclo Tornar ás táboas, co que a institución provincial está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. Pola súa banda na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove proxectarase, ás 20.00 horas, Unicorn Wars, como parte da programación do Ciclo Mestre Mateo promovido pola Deputación e a Academia Galega do Audiovisual.

Dirixida a un público novo e adulto, a peza teatral As alumnas amosa o retroceso educativo que supuxo o franquismo en canto a xustiza social, memoria histórica, igualdade e resiliencia. Marcada pola figura da pedagoga galega María Barbeito e a través do retrato vital de dúas mulleres, Mónica Camaño e Anabel Gago, a obra ten como eixo fundamental a educación como ferramenta que outorga a liberdade ás persoas e especialmente ás mulleres. “As alumnas”, creada por Paula Carballeira e dirixida por Fina Calleja, conta co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e o Premio Luisa Villalta a proxectos pola igualdade.

Con guión e dirección de Alberto Vázquez e con Chelo Loureiro, Iván Miñambres e Nicolas Schmerkin na produción, Unicorn Wars recibiu o pasado 2022 o Goya á mellor película de animación e tamén foi finalista neste ano nos galardóns do audiovisual galego nas categorías de mellor dirección, dirección de arte, guión, montaxe e son. A historia arranca co exército osiño adoutrinando a novos recrutas para conducilos á guerra que iniciaron contra os unicornios porque cren que ameaza a seguridade do seu pobo. Nese grupo inexperto están os protagonistas, os irmáns Azuliño e Gordi, que xunto aos seus compañeiros serán enviados a unha perigosa misión para salvar o Bosque Máxico.