A Deputación implantará a xeotermia no Centro Sociocultural de A Illa

A institución provincial licita a asistencia técnica dous proxectos, que suporán a mellora da eficiencia enerxética nos sistemas de calefacción e climatización destes inmobles
Casas Modernistas en A Illa de Arousa. CEDIDA
photo_camera Dous dos edificios das Casas Modernistas de A Illa recibirán esta actualización á xeotermia. DS

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación o contrato para a prestación da asistencia técnica da mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais da Cañiza e A Illa de Arousa. Este proxecto de instalacións xeotérmicas sostibles enmárcase no programa de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000), dentro do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. A actuación será financiada ao 85% polo IDAE, ao 8% pola Deputación de Pontevedra e ao 7% polos concellos.

O obxectivo desta actuación, na que se investirán máis de 410.000 euros, é realizar a instalación dos sistemas de xeración térmica renovable mediante xeotermia na Casa do Concello da Cañiza e no centro sociocultural da Illa de Arousa (dous dos edificios do complexo das Casas Modernistas, afectando a biblioteca, a escola de música e o centro da terceira idade). Grazas a iso, contarán con sistemas sostibles de calefacción, durante o inverno, e climatización, nos meses de máis calor.

O obxectivo é reducir o consumo de enerxía de orixe fósil e as emisións de dióxido de carbono utilizando enerxía procedente de fontes renovables, concretamente da enerxía xeotérmica. A institución provincial destina preto de 23.000 euros (10.000 € no caso da Illa e 13.000 € para A Cañiza) á asistencia técnica, que inclúe a redacción dos proxectos e a futura supervisión e xustificación dos traballos.

No caso do centro sociocultural da Illa de Arousa, trátase dunha instalación nova (ao ser edificios rehabilitados recentemente aínda non contaban con ela) que utilizará o mesmo sistema de circuíto vertical de lazo cerrado, cunha bomba de calor que dará servizo aos dous edificios a través dunha rede de distribución soterrada de arredor de 75 metros (dos cales 50 xa están executados). Tamén se aproveitarán o chan radiante do andar baixo e os ventiloconvectores do andar alto, xa existentes. Neste caso, o investimento chegará aos 183.000 euros.

As empresas interesadas en concorrer á licitación da asistencia técnica de ambos proxectos teñen de prazo ata o luns 28 de agosto ás 10.00 horas a través do portal de licitación electrónica da Deputación de Pontevedra.