O xacemento de Setepías, protagonista do I Encontro de Arqueoloxía

O encontro, organizado polo Museo de Pontevedra, será os días 18 e 19 de maio no Edificio Castelao ▶  Na xornada participarán os principais referentes da arqueoloxía e a investigación sobre arquitecturas efémeras no Noroeste da península
Estrutura en Agro Bazar (Dornelas, Silleda) Foto: María José Bóveda, Gabinete de Arqueoloxía
photo_camera Estrutura en Agro Bazar (Dornelas, Silleda) Foto: María José Bóveda, Gabinete de Arqueoloxía

O Museo de Pontevedra impulsa unha nova ferramenta para o debate e o intercambio de coñecementos sobre arqueoloxía. Os días 18 e 19 de maio celebrarase no Edificio Castelao o Encontro de Arqueoloxía, unha cita que pretende reunir cada ano as últimas investigacións neste campo chegadas dos ámbitos profesional e académico. A primeira edición centrarase nas ‘Arquitecturas efémeras da prehistoria recente no Noroeste ibérico’. 

Durante o período que se estende entre inicios do V milenio antes da nosa era (a.n.e) e o I milenio a.n.e., as materias primas más empregadas para levantar construcións no Noroeste da península ibérica foron madeira, cordas, pólas e terra. Na maior parte dos casos degradáronse e non se conservan, polo que só chegaron ata nós nos casos nos que o lume entrou en contacto con elas. As foxas, buratos de poste ou gabias de cimentación son as principais evidencias arqueolóxicas que conservamos para achegarnos ás comunidades desa época. 

No Museo de Pontevedra analizaranse estas arquitecturas efémeras de lugares de habitación e lugares de almacenaxe relacionados coas tarefas agrícolas e outras actividades produtivas. Polo seu carácter efémero son pouco visibles na paisaxe e, unha vez escavadas, moi difíciles de conservar. Por iso son descoñecidas en gran medida polo público xeral e incluso para parte dos profesionais da arqueoloxía. 

As persoas participantes porán en común as últimas pescudas sobre estas arquitecturas, expoñendo os casos particulares dalgúns dos xacementos máis destacados da prehistoria recente en Galicia, entre os que se atopa o de Setepías en Cambados.