Vázquez e Villares reivindican a Lei do Litoral de Galicia en Cambados

Os conselleiros celebraron no municipio do Salnés un acto de defensa desta normativa cos representantes do PP de 31 concellos costeiros, 27 pontevedreses e 4 coruñeses, emprazados nas rías de Arousa, Pontevedra, Aldán e Vigo
Imaxe do encontro celebrado na Lonxa de Tragove en Cambados por representantes do PP. DS
photo_camera Imaxe do encontro celebrado na Lonxa de Tragove en Cambados con representantes do PP. DS

A conselleira de Medio Ambiente e candidata do PP pola provincia da Coruña, Ánxeles Vázquez, e o conselleiro do Mar e candidato popular pola circunscrición de Lugo, Alfonso Villares, reivindicaron o valor e a importancia da Lei do Litoral de Galicia, aprobada polo Parlamento, e esixíronlle ao Goberno de España que deixe de "poñer atrancos e permita que a Xunta xestione a súa costa" nun acto celebrado este luns na Lonxa de Tragove, no Concello de Cambados.

Os conselleiros presidiron un acto sectorial interprovincial do Partido Popular en defensa da normativa autonómica, que se atopa recurrida polo Goberno de España ante o Tribunal Constitucional, e que contou coa presenza de representantes populares –candidatos, alcaldes, voceiros e concelleiros– de 31 concellos costeiros, os 27 que hai na provincia de Pontevedra e 4 coruñeses da bisbarra do Barbanza, que están emprazadas nas rías baixas de Arousa, Pontevedra, Aldán e Vigo. O acto tamén contou coa presenza da secretaria xeral do PP provincial, Luisa Piñeiro, e os candidatos pontevedreses María Martínez, Alberto Pazos e María Deza.

Ánxeles Vázquez valorou moi positivamente a sentencia do Tribunal Supremo que anula o actual regulamento de Costas, que foi aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez e 2022 e que tildou de “moi prexudicial para Galicia”, xa que pretendía recurtar os prazos das concesións e ampliar a zona de dominio público marítimo terrestre. Tras asegurar que a normativa galega era “impecable” e amosar a súa convicción de que os tribunais daranlle a razón a Galicia para xestionar a súa costa, pediulle aos socialistas que retiren canto antes este recursos “para non perder o tempo e que os galegos poidan ser dende xa os responsables do seu litoral”.

Pola súa banda, Alfonso Villares lembrou que a normativa autonómica está centrada principalmente en “outorgar seguridade xurídica” ás 4.000 edificacións emprazadas na zona marítimo-terrestre en vez de estar sufrindo a incerteza actual e detallou que, destes inmobles, hai 232 empresas, algunhas de gran importancia, e 59 lonxas. O conselleiro do Mar indicou que, coa actual situación, todas elas están en “risco” polo regulamento estatal.

Finalmente, a voceira municipal do PP de Cambados, Sabela Fole, que falou como anfitrioa en nome dos representantes municipais, lamentou o “maltrato” do PSOE con Galicia de xeito xeral e coa costa en particular, “xa que ten sobre todos nós unha espada de Damocles coa que pretende, cunha transición ecolóxica mal entendida, varrer a nosa costa e deixala como hai 70 anos porque seguen sen entender que ninguén coida mellor e con máis cariño o mar que os galegos, que sabemos como sacarlle rendemento de xeito sostible”. Ademais, calificou a Cambados como a “zona cero” desta situación xurídica, xa que o concello ten 159 afectadas, varios investimentos millonarios de empresas vencelladas ao sector do mar paralizados e 2.500 familias pendentes xa que viven da cadea mar-industria.