O PP destaca o investimento da Xunta por 4,1 millóns no turismo do Grove e promete aumentalo ata o ano 2028

O candidato ourensán e ex director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o voceiro municipal, Pablo Leiva, participaron nun encontro con empresarios do sector no Grove para avanzar as futuras liñas de apoio 
José Manuel Merelles. DP
photo_camera José Manuel Merelles. DP

O PP celebrou un encontro sectorial do ámbito turístico no Grove, liderado polo candidato ourensán e ex director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e polo voceiro municipal dos populares, Pablo Leiva. No mesmo, destacouse que a Xunta investiu 4,1 millóns de euros neste sector do municipio na lexislatura recén finalizada. Ademais, Merelles e Leiva anunciaron a intención dos populares, se revalidan o goberno da Xunta tras as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, de “aumentar esta cantidade no mandato 2024-2028 para reforzar ao Grove e ao seu potentísimo sector turístico como un dos destinos de referencia en España”. Este compromiso foi corroborado nun encontro celebrado onte á noite con decenas de empresarios do ramo no que, ademais, se avanzaron as futuras liñas de apoio e propostas para este sector. 

“O Grove é unha das grandes capitais turísticas do noso país, porque así o acreditan os centos de miles de visitantes que recibimos cada ano e os numerosos atractivos dos que dispoñemos, pero nunca se pode caer no conformismo e sempre se pode avanzar e xerar, de xeito ordeado, unha maior riqueza na nosa vila”, manifestou Pablo Leiva. O voceiro municipal significou que o PP “ten unha aposta decidida polo Grove en xeral, con 20,5 millóns de euros investidos nesta lexislatura, e polo seu potencial turístico en particular, e ademais somos un partido, a diferenza doutros, nada compracente e moi autoesixente, polo que imos incrementar estas achegas e estas colaboracións para que O Grove se vexa reforzado como destino os vindeiros catro anos e para que o sector atope toda a axuda que precise para o seu crecemento”.

Entre as achegas turísticas impulsadas pola Xunta nesta lexislatura para o Grove, figuran as partidas, por un importe global de 2 millóns de euros, para o desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística que lle foi aprobado ao Concello e que permitirá o desenvolvemento do proxecto da Gastromeca e másis dun cento de axudas individuais a prol de 48 empresas turísticas do Grove orientadas á modernización, dixitalización, reformas, ampliación, accións de eficiencia enerxética e outras actuacións diversas nos seus establecementos.