Samuel Lago visita o resultado das obras do lavadoiro da Balsiña

O alumnado do Obradoiro Dual de Emprego de carpintería e albanelería foi o encargado de levar a cabo a actuación
Samuel Lago xunto ao alumnado do Obradoiro de Emprego de Cambados. DS
photo_camera Samuel Lago xunto ao alumnado do Obradoiro de Emprego de Cambados. DS

Na mañá deste martes, o alcalde de Cambados, Samuel Lago, visitou o remate das obras do lavadoiro situado no lugar da Balsiña, en Oubiña. Trátase dun traballo levado a cabo polo alumnado do Obradoiro Dual de Emprego de carpintería e albanelería, quen ao longo deste ano xa participou en varias actuacións municipais. "Estamos moi satisfeitos co resultado, non só desta obra, senón en xeral do Obradoiro. Creo que fixeron un traballo excepcional tanto o equipo docente, administrativo, directivo, como sobre todo os alumnos. A proba témola nesta e noutras que fixeron no concello, tanto de albanelería como carpintería, que realmente son traballos cun resultado elevado", sinalou o rexedor.. 

"Este era un lavadoiro en desuso, moi mal executado no seu momento, e o cambio que vemos é fantástico. parece un lugar totalmente diferente". O lugar conta agora con columnas de pedra, estrutura de madeira, cuberta de tella e procedeuse a adecentar o entorno para mellorar a imaxe.

Lago afirmou que, a maiores do cambio importante que sufre o lugar en canto ao patrimonio cultural da cidade, "súmase a aprendizaxe do alumnado, polo que non pode ser máis satisfactorio". 

A dirección do Obradoiro quixo agradecer ao Concello por confiar no alumnado do centro para esta e outras actuacións e felicitou a todo o equipo que forma parte do proxecto do labadoiro "porque se portaron excelente, dedicáronlle tempo, esforzo, atención, e grazas a iso saen estas cousas".