Samuel Lago pide á conselleira de Política Social unha solución para o asilo

O alcalde considera que o último anuncio do PP “claramente falso e no absoluto oscurantismo” é “unha última manobra electoral á desesperada”
 
Samuel Lago, alcalde de Cambados. DS
photo_camera Samuel Lago, alcalde de Cambados. DS

Ante a falta de resposta da Xunta sobre as reiteradas xestións do Concello na busca dunha solución para o asilo, o alcalde de Cambados, Samuel Lago, acompañado da Concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Regina Núnez, desplazouse este xoves ata Santiago para facer chegar en persoa as reivindicacións do Concello á Conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García.

Dado que non puideron ser recibidos pola Conselleira, ausente nese momento, entregaron unha carta no departamento autonómico, dirixida a Fabiola García, na que se detallan as peticións municipais.

Na misiva, o alcalde solicita á Consellería de Política Social a adquisición do Pazo de Montesacro co obxectivo de manter e revitalizar o asilo de anciáns. “Este paso permitiría asegurar a sustentabilidade a longo prazo desta institución vital para a nosa comunidade e garantir que os nosos anciáns continúen recibindo a atención e o agarimo que necesitan”

Asimesmo, o alcalde tamén expresou o seu interés por coñecer as propostas recibidas para a adquisición do Pazo de Montesacro, e os resultados desas conversas.

Igualmente, volveu a reiterar o seu desexo de "manter o asilo de Cambados, pero tamén, que si isto non é posible, que pola nosa parte esteamos dispostos a poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos apropiados para a construción dunha residencia de anciáns pública, para que os nosos maiores dispoñan dun servizo de atención de calidade e axeitado economicamente”.

Remata a misiva agardando “poder traballar xuntos para atopar unha solución que permita manter o asilo de Montesacro e preservar a riqueza histórica deste lugar. Estou disposto a colaborar estreitamente co seu equipo e achegar todos os recursos ó noso alcance e esforzos necesarios para lograr este obxectivo común”.