Lago sobre os destrozos en coches en Cambados: "Espero que o culpable pague o que fixo e a intranquilidade dos veciños"

O alcalde de Cambados recoñeceu a labor dos corpos de seguridade, que fixeron posible a detención dun veciño de Padrón que causou danos en 75 vehículos no municipio 
Samuel Lago, alcalde de Cambados. DS
photo_camera Samuel Lago, alcalde de Cambados. DS

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, calificou coma "unha gran satisfación" a detención do veciño de Padrón que causou destrozos en 75 vehículos estacionados no centro de Cambados, para o que, segundo os primeiros informes policiais, se desprazaba a propósito dende o seu domicilio, ao que regresaba tras cometer estes actos.

Lago recoñeceu "a labor" dos corpos de seguridade, "especialmente a da Garda Civil, que fixo unha gran labor de investigación para chegar á detención deste indivíduo", que "levaba tempo causando presuntamente estes destrozos. É certo que a Garda Civil fixo un traballo moi minucioso de recopilación de datos, cámaras e outros elementos para poder chegar á identificación e posterior detención. Esta identificación xa se fixera hai unhas semanas pero a partir de aí a Garda Civil seguiu coa investigación ata a súa detención", explicou.

Neste sentido, valorou, "espero que se se proba que é culpable pague todos os destrozos que fixo e toda a intranquilidade e inseguridade que lle fixo pasar aos veciños e veciñas de Cambados e agardo que non volva cometer nin aquí nin en outro sitio feitos de tal calibre, nin esta nin outra persoa, porque realmente é incomprensible que atentara indiscriminadamente polos bens de tantas persoas sen coñecelas, de xeito totalmente arbitrario e causando perxuizos de contías económicas elevadas, e ademais sen obter nigún beneficio económico para el, e simplemente polo feito de facer dano. Durmimos un pouco máis tranquilos esta noite", dixo.