Sabela Fole di que Abal "botou por terra" un posible pacto de Goberno co PP de Cambados

A candidata do PP de Cambados asegurou nunha carta á cidadanía que, tras negociar con José Ramón Abal e chegar a un suposto acordo, "xamais" recibiu resposta ata o Pleno
Sabela Fole, candidata do PP de Cambados. DS
photo_camera Sabela Fole, candidata do PP de Cambados. DS

A candidata do PP de Cambados, Sabela Fole, dirixiu unha carta á cidadanía co obxectivo de "facer pública a triste realidade do que puido ser un pacto de goberno para esta vila pero que o señor Abal Varela botou por terra, antes incluso, de sentarse a negociar". Así comeza a misiva difundida a través dos medios, na que Fole lamenta que "despois de empregar en campaña que votalo a el era útil para conformar un Goberno de cambio liderado polo PP, lamento confirmar que nada máis lonxe da realidade, como quedou patente no Pleno de investidura", foi a noite do xoves 15 de xuño cando, tras unha reunión dos membros de Cambados Pode, "Abal pediume unha reunión coa posibilidade de asinar un acordo", asegurou.

Neste sentido, Fole asegura que, tras preguntarlle a Abal se apoiaría ao PP, el contestou: "bueno, si". "Díxome que quería da runha rolda de prensa o venres a mediodía e asinar o pacto antes de facelo público. Confírmolle a miña disposición e dime que teriamos que reunirnos nun sitio no que haxa un ordenador para tomar como base do futuro pacto co PP o que asinou en 2015 co PSOE, BNG e Somos Cambados. Ante a sorpresa, indícolle que, como é natural, eu non teño ese pacto, ao que respondeu: “Non te preocupes, lévoo eu”. Pregúntame tamén se, finalmente, voulle dar a 1ª Tenencia de Alcaldía e confírmolle que si, que eu nunca falto á miña palabra. A súa contestación foi, clara, aínda que falsa: “Eu tampouco”. Quedamos ás 07.45 do venres (ás 09.00h eu tiña que oficiar unha voda). Busco en Google o famoso pacto de 2015. Ás 08.30 chámoo pero Abal está apagado. Aos poucos minutos recibo Whatsapp seu e emprázame a falar", relatou Fole.

Unha vez na reunión, asegura a candidata do PP, "cando chega non trae o pacto de 2015 e sorpréndese porque eu si o teña. Falamos do documento e das súas competencias entón, en 10 minutos escasos. Consúltame se están recollidas as retribucións e dígolle que si. Marcho ao casamento e dime: “Chámame cando acabes”. Ás 09.54 horas envíolle Whatsapp de que xa estou no despacho. Xamais recibín contestación", conta. "Chameino. Xamais respondeu... Desde ese momento non souben máis nada de José Ramón Abal, ata o Pleno, no que tivo que saír pola porta de atrás. A miña proposta foi pública. As negociacións foron transparentes e fixéronse chegar a todos os veciños: a 1ª Tenencia de Alcaldía, as atribucións de Obras e Enoturismo e unha liberación. Non houbo resposta nin sinatura", engadiu.

Para Fole, a conclusión é, que "José Ramón Abal xamais quixo un pacto co Partido Popular de Cambados; así o entendo despois destas semanas nas que intentou convencernos de todo o contrario. Estivo xogando coa cidadanía, co PP e co cuatripartito co que agora se alía, nunha coalición que vai en contra do sentir maioritario dos veciños e veciñas de Cambados, como así quedou demostrado nas urnas o pasado 28 de maio. Só me queda dicir que desde o Grupo Municipal popular traballaremos sen descanso para evitar que este desgoberno cause prexuízos á veciñanza. Pero temémonos o peor para a veciñanza de Cambados. Temos traballo arreo, pero é a nosa responsabilidade. As miñas portas estarán abertas para escoitar e traballar por todos os cambadeses e cambadesas", finalizou.