A Plataforma en Defensa do Asilo insta a un acordo entre administracións para a súa compra

Manifestación celebrada o pasado mes en contra do peche do asilo de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Nun encontro coa deputada de Igualdade e Benestar Social da Deputación, o ente provincial non se comprometeu á compra do Pazo, pero ábrese a conversar

Na mañá deste mércores, representantes da Plataforma en Defensa do Asilo Público de Cambados reuníronse coa deputada de Igualdade e Benestar Social da Deputación de Pontevedra, Sandra María Bastos, para buscar unha solución no que respecta á compra do Pazo de Montesacro.

No encontro, a deputada explicou que as competencias da Deputación se limitan a financiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes, (como é o caso de Cambados); a xestión municipal dos Servizos Sociais, traballadores administrativos e técnicos medios desta área; axudas de Emerxencia Social; axuda a domicilio e lecer.

Así mesmo, Bastos informou que a competencia sobre este asunte corresponde á Xunta de Galicia, "pero entendendo a preocupación mantida pola Asociación, emprazounos a remitir as preguntas por correo electrónico ao ente provincial".

Dende a Asociación transmitiron á Deputación a posibilidade de cofinanciar, a través dun convenio entre administracións, a compra do asilo para a súa xestión pública, realizando un convenio similar ao asinado no 2014 para a construción dunha nova praza de Abastos en Cambados. A Plataforma considera que esta formula sería "a idónea". 

Polo de agora, dente a asociación continuarán solicitando axudas a todas as administracións "confiando en que a colaboración entre todas as partes poida conducir a unha solución que manteña o asilo en Cambados".