O novo “imposto á choiva” dobra os custos de depuración para os concellos do Salnés

David Regades mostrouse sorprendido polo silencio dos alcaldes do PP e do voto contrario dos deputados arousáns á moción presentada polo PSdeG-PSOE no último Pleno da Deputación
David Regades na súa visita a Cambados acompañado polos alcaldes de Arousa. DS
photo_camera David Regades na súa visita a Cambados. DS

O novo canon por xestión de depuradoras, coñecido coloquialmente como o “imposto á choiva”, está a causar un enorme impacto nas arcas municipais os concellos da comarca do Salnés ao ter dobrado, como media, o custo da depuración das augas residuais para os concellos, un incremento que nalgúns casos concretos chega ao triplo. O canon comezouse a cobrar hai poucas semanas aos concellos, que recibiron xa dous cuadrimestres do tributo autonómico, en aplicación da Lei galega do Ciclo da Auga.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia, David Regades, compareceu este venres en Cambados, acompañado do alcalde, Samuel Lago, para detallar o enorme impacto desta suba nos impostos autonómicos. Na comparecencia estiveron tamén o alcalde da Illa de Arousa, Luís Arosa; e os responsables socialistas en socialistas en Ribadumia, Javier Mougán; Sanxenxo, Ladislao Viñas; Meaño, Charo Muñiz e Vilanova de Arousa, María Vales.

Regades explicou que a resultas deste cambio, os concellos arousáns con depuradora xestionada por Augas de Galicia pasarán de pagar 1.070.919 euros anuais polo anterior coeficiente de vertido (o tributo que a Xunta incluía no recibo municipal) a un total de 2.189.290 euros co novo canon de xestión de depuradoras que agora se lle liquida directamente aos concellos. O novo imposto afecta aos concellos que verten ás depuradoras de Tragove (Cambados e Vilanova), onde a carga tributaria sobe un 83% (de 644.859 euros a 1.178.225 euros); Ribadumia, onde sobe un 300% (de 80.159 euros a 320.408 euros);  Dena (Meaño e Sanxenxo), onde sobe un 117% (de 286.804 a 624.280 euros) e Illa de Arousa, onde sobe un 98% (de 59.097 euros a 116.874 euros). David Regades recalcou que todas elas, agás a Illa de Arousa, polo seu carácter insular, son depuradoras supramunicipais. Este aspecto foi destacado tamén por Samuel Lago, quen subliñou que un concello non ten capacidade legal para cobrarlle a outro, polo que son os que acollen as plantas no seu termo municipal os que padecen o impacto.

Os cálculos anuais ofrecidos por David Regades estimados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a partir da liquidación dos dous últimos cuadrimestres achegada por tódolos concellos afectados. Explicou que o novo canon estima unha base impositiva en función dos habitantes conectados a cada depuradora e introduce, ademais, unha penalización polo volume de augas pluviais que entra nas plantas de tratamento.

O responsable provincial do PSdeG-PSOE recordou que no seu momento o Partido Popular creou o imposto ao sol en España e agora vén de inventar o imposto á choiva en Galicia, “unha terra onde chove ben”. Un tributo que o Partido Socialista comprométese a derrogar se goberna a Xunta despois das próximas Eleccións Autonómicas para que non acabe repercutíndose á veciñanza.

O secretario xeral provincial amosouse sorprendido polo silencio dos alcaldes do PP e tamén polo voto contrario á moción presentada polo Partido Socialista no último Pleno provincial por parte dos deputados e deputadas do PP arousán. Unha actitude que ten tamén correspondencia co sucedido no último Pleno de Ribadumia, onde o alcalde negouse a incluíla na orde do día. A moción reclama que sexa a Xunta de Galicia a que corra cos gastos de xestión das depuradoras.

Finalmente, David Regades afeoulle á Xunta de Galicia a falta histórica de investimentos para mellorar os saneamentos e impulsar as redes separativas de augas pluviais en toda a comarca, a pesar de que os fondos europeos FEDER 2014-2020 inclúen partidas finalistas para elo, de obrigado cumprimento. Agora a Xunta, fóra de prazo e en tempo de prórroga, trata de apurar, lamentou, con obras que tiñan que estar feitas hai unha década. Con todo, subliñou que é unha vergoña que o alcalde da Illa tivese que chamar ás portas de Aquaes (sociedade estatal) para mellorar a depuradora.

O canon de xestión de depuradoras, que xa foi obxecto de recurso administrativo por parte de tódolos concellos afectados, acabará nos tribunais, aventurou Samuel Lago, quen cualificouno como “un imposto inxusto, inoportuno e arbitrario”. O alcalde cambadés amosou a súa sorpresa de que a Xunta optase por liquidalo directamente aos concellos, en lugar de repercutilo nos recibos como sucedía co coeficiente de vertido. “Fixérono para que os concellos sexamos os malos subíndolle nós as taxas a veciñanza”.

Luís Arosa afirmou que, á vista dos últimos temporais, hai motivos para estar preocupados diante do burato económico que se aveciña. “Medo me dá cando chegue o próximo cuadrimestre deste imposto”, ironizou antes de lamentar que, tarde ou cedo, dun xeito ou outro os concellos terán que repercutir este custo á veciñanza.