Merchi Álvarez pon en marcha unha hucha solidaria para afrontar o seu tratamento en Corea

Merchi Álvarez en la comparecencia de esta mañana en el salón de plenos del Concello. DP
A veciña de Cambados precisa 80.000 euros para costear a terapia que reduce os efectos da enfermidade ▶Dende o Sergas e a Xunta poñen trabas sempre que intenta solicitar un encontro directo cos responsables das entidades 

A cambadesa Merchi Álvarez segue loitando contra a Atrofia Muscular Espinal (AME) que sofre dende fai anos, e pola que precisa un tratamento coreano que frea o seu avance. Tras unha primeira sesión o pasado ano, da cal o resultado foi moi satisfactorio, Merchi tería que ter feito a segunda sesión no primeiro semestre de 2022. Solicitou axuda tanto ao Sergas como á Xunta de Galicia para costealo, mais a resposta das entidades públicas polo momento foi negativa.

Atópome soa e teño que volver saír e dar un paso adiante

"Atópome soa e teño que volver saír e dar un paso adiante. Quero pedir a solidariedade da xente e por iso estamos hoxe aquí, porque preciso outra vez toda a axuda posible", afirmou a tamén presidenta da asociación GaliciAME, que de novo pon a disposición da xente unha hucha solidaria co fin de recadar os cartos que precisa para realizar a viaxe e o tratamento en Corea.

"Ante a nefasta resolución ou incapacidade de poder solucionar a miña situación véxome na obriga de activar o número de conta e volver a pornos en marcha para recadar, polo menos, eses 80.000 euros para poder asegurarme un ano máis do tratamento e definir así un pouco máis o meu futuro e o da miña familia". Uns seres queridos que asegurou "tamén sofren a doenza". 

Na comparecencia pública desta mañá no salón de plenos do Concello de Cambados, que contou coa presenza do alcalde, Samuel Lago, e da concelleira de Igualdade, Fátima Abal, púxose en marcha o crowdfunding co fin de costear o tratamento de Merchi. Dende a empresa Trafos volven a colaborar poñendo 100 huchas a disposición dos comercios que o desexen solicitar no que a afectada espera que sexa "unha onda de solidariedade".

Volvemos a precisar xuntar cartos, porque senón estou perdida

"Volvemos a precistar xuntar cartos, porque senón estou perdida. Quero seguir a liña do que que comezou fai un ano e que supuxo un claro cambio para ben na miña calidade de vida" asegurou Merchi, que comentou que cando lle suministran o tratamento, recibe "unha onda de enerxía". "Levo un par de semanas que entre o disgusto e o estrés voume quedando sen pila".

Comeza agora a campaña de recadación de fondos para o tratamento, segúndo Merchi, porque "veñen as vacacións e a miña situación segue sen resolverse, e canto antes os xunte antes me vou". O certo é que neste tempo, dende o mes de novembro no que recibiu o primeiro procedemento, tanto ela como o seu círculo non pararon de facer accións e petar en todas as portas posibles. "Xustamente hoxe están aquí Fátima e Samuel que me axudaron a acudir a unha porta que finalmente estaba pechada". Solicitou encontros co anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e co actual, Alfonso Rueda, pero a resposta segue sendo negativa e conta con trabas para costear o tratamento por parte das entidades públicas. 

Neste eido, o alcalde mostrou o seu "apoio público, non so dende o punto de vista económico ou loxístico por parte do Concello, contando con ela para todos os eventos que facemos e que se poida recadar algo, pero sobre todo queremos apoiala anímicamente, xa que ela o último que quería era pedir axuda económica". 

Co fin de resolver a situación e poder viaxar cara ao país asiático canto antes, abríuse un número de conta a disposición de todas as persoas que desexen aportar un grao de area para axudar a Merchi co seu tratamento, que é o seguinte: ES 7821005036450200307703.