Luís Bará chama á participación masiva: "O cambio é imparable, imos poñer este país en marcha"

Chama á cidadanía a que haxa unha participación masiva e histórica e a que se concentre todo o voto do cambio na papeleta do BNG

 Bará e Montse Prado en Cambados. DP
photo_camera Bará e Montse Prado en Cambados. DP

"O cambio é imparable: empeza un tempo novo, un tempo mellor, imos poñer este país en marcha. Imos a por todas este 18-F". Con esta ilusión e ánimo o cabeza de cartel do BNG en Pontevedra, Luís Bará, fixo no Salnés balance da campaña nacionalista, acompañado da candidata Montse Prado e dos alcaldes e portavoces municipais da zona.

Bará afirmou que estas eleccións galegas son "unha encrucillada e un momento decisivo" no que non só hai que facer historia, senón tamén conquistar un futuro mellor. Chamou á cidadanía a poñer en marcha unha Galiza e un novo goberno o 18F "dirixido por un partido nidiamente galego, como dixo Castelao, o BNG, e por unha muller coas mans libres que poña aire fresco, enerxía e impulso nesta nova etapa que comeza da historia do país, Ana Pontón".

O cabeza de cartel destacou que "todo está encamiñado" para ese cambio, mais destacou que a forza nacionalista vai seguir "dándoo todo" e máis nestes días que faltan para abrir "este tempo novo cunha gran presidencia da Xunta na figura de Ana Pontón".

Para que se confirme a mudanza no goberno da Xunta chamou á cidadanía a que haxa unha participación masiva e histórica e a que se concentre todo o voto do cambio na papeleta que asegura o cambio, a do BNG. "Unha papeleta na que cabe a inmensa maioría do pobo galego porque somos un partido galego, o que defende os intereses do país e onde cabe toda a xente que lle quere independentemente do que votasen noutras eleccións", salientou.

Criticou Bará , que nestes momentos os populares teñen como única campaña e única mensaxe un ataque "absolutamente delirante " contra o BNG. "Esa é a proba da súa debilidade e da fortaleza que ten neste momento o BNG como alternativa", insistiu.

"Nós combinamos críticas ao PP pola súa incompetencia, porque deixou un país que foi a menos, cunha campaña propositiva que se resume en dúas ideas: mellorar a vida da xente con servizos públicos de calidade e poñer o país a producir para desenvolver a súa riqueza, xerar empregos e crear oportunidades para a xente".

 O SALNÉS. A candidata Montse Prado subliñou, en clave comarcal, o compromiso firme do BNG de poñer en marcha un plan de mobilidade para favorecer os desprazamentos da cidadanía no territorio e insistiu en que o goberno do Bloque mercará o Pazo de Montesacro para facer públicas as prazas de residencia de maiores.