Un inmoble de Cambados recibe 800.000 euros dos Next Generation para a súa rehabilitación

O proxecto de rehabilitación subvencionado vai supoñer un considerable aforro enerxético para as 40 vivendas, 6 locais comerciais e 28 prazas de garaxe que dispón o inmoble.
Fachada Concello de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada do Concello de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Arquitecto encargado de realizar o proxecto de rehabilitación enerxética dunha comunidade de propietarios dun edificio de vivendas na Rúa do Pombal, vén de por en coñecemento no departamento de Urbanismo do Concello de Cambados que dita comunicade de propietarios foi beneficiaria dunha subvención de 790.954 euros dos Fondos Next Generation para a Rehabilitación Enerxética.

A subvención, que foi concedida o pasado mes de xaneiro, vai supoñer un cambio moi importante non só na estética dun dos principais edificios do litoral de Cambados, senón tamén na mellora integral do inmoble, xa que se vai actuar en revestir o exterior da fachada, o illamento da envolvente térmica da edificación, a carpintaría exterior da fachada e a eficiencia enerxética, o que vai supoñer un aforro enerxético considerable para as 40 vivendas, 6 locais comerciais e 28 prazas de garaxe que dispón o inmoble.

O Arquitecto que redactou o proxecto de Rehabilitación do Edificio e solicitou a axuda dos Fondos Next Generation reuniuse co edil do departamento de urbanismo e co xefe do departamento para agradecer persoalmente a atención prestada polo Concello de Cambados ante a inminente apertura de prazo destas axudas e a necesidade de axudarlle nas consultas técnicas que afectaban ao alcance do Proxecto de Rehabilitación do Edificio, aínda en fase de redacción naquel intre. Esta reunión, tal e como trasladou o Arquitecto da comunidade de propietarios beneficiaria da subvención, resultou moi efectiva e favorable na definición do alcance e viabilidade de dito proxecto.   

Así, despois de recibir a notificación da axuda concedida dos Fondos Next Generation, a comunidade de propietarios fixo efectivas as taxas urbanísticas e do ICIO no Concello de Cambados o pasado 29 de marzo deste 2023, e por parte do departamento de urbanismo xa se esta a traballar para darlle a licencia urbanística nos vindeiros días, xa que o técnico municipal tiña coñecemento do proxecto no momento da súa redacción.