A Praza de Fefiñáns lucirá unha nova imaxe antes do inicio da tempada de verán

Os traballos foron adxudicados por importe de 221.000 euros e se financiarán con cargo ao Plan Concellos
Praza de Fefiñáns, Pazo de Fefiñáns en Cambados. DS
photo_camera Praza de Fefiñáns. DS

O Concello de Cambados acordou propoñer a adxudicación dos traballos da renovación urbana da Praza de Fefiñáns á empresa Revcom S.L. por importe de 221.896 euros, ive incluído, cunha rebaixa sobre o prezo inicial de 11.896 euros e un prazo de execución de 60 días, diminuindo tamén así á metade o tempo de realización das obras. De non xurdir imprevistos, lucirá unha nova imaxe antes da tempada forte de verán. Ademáis, a empresa seleccionada ofertou como mellora a ampliación en 12 meses do prazo de garantía da obra que pasa a ser de dous anos.

A actuación, que se financiará con cargo ao Plan Concellos da Deputación, intervirá no conxunto do emblemático espazo e mellorará a praza tanto na estética como funcionalmente seguindo o proxecto deseñado pola arquitecta Paula Alfonso Laya.

Por unha banda, renovarase o pavimento terrizo das zonas arboradas colocando un drenante cunha cohesión mineral que evite o arrastre de áridos e facilite o seu mantemento e conservación. 

Ao tempo, renovaranse as instalacións municipais de auga e saneamento reconducindo as augas pluviais a un novo entronque coa rede separativa existente na Rúa Sevilla e liberando así á rede de residuais de excesos en momentos de choiva intensa. Paralelamente, acometerase a reforma da rede de distribución de auga a algunhas casas do entorno que todavía se mantén en fibrocemento e en bastante mal estado. 

O proxecto tamén contempla unha importante intervención na zona norte, con novas beirarrúas perimetrais, colocación de arborado e mobiliario urbano, unión das beirarrúas de avenida de Coruña coa avenida de Vilagarcía e instalación dun cartel con grandes letras a modo de benvida no que se leerá a palabra Fefiñáns.

Por outra banda, executarase a reforma da escalinata sur da Igrexa de Fefiñáns coa reconstrución da escaleira orixinal retirada nos anos 70. O plan complétase coa dotación de novo mobiliario urbano, situando bancos nas zonas de sombra, papeleiras e nova iluminación, respetuosa co entorno pero sen deixar ningún lugar mal iluminado.